As portavoces de Educación e de Xuventude do Grupo Popular, Cecilia Vázquez e Nicole Grueira, respectivamente, trasladáronse hoxe ata o campus da Universidade de Santiago de Compostela para destacar que a Xunta destinará o vindeiro ano 9,3 millóns de euros para sufragar as bonificacións do programa de matrículas gratuítas universitarias, unha medida que desde a súa posta en marcha hai dos anos ten beneficiado a máis de 30.000 estudantes.
“Fronte ás teimas de BNG e PSdeG afirmando que os gobernos do PPdeG están a privatizar as universidades públicas, a realidade é que os estudantes galegos gozan das universidades máis accesibles de toda España”, asegurou Cecilia Vázquez, quen destacou que Galicia é a terceira comunidade autónoma con maior financiamento por alumno, ao tempo que a Xunta xa chegou ao 1 por cento do PIB en gasto público destinado ás universidades.
Pola súa banda, Nicole Grueira apuntou que Galicia leva 15 anos coas taxas universitarias conxeladas, o que, xunto ao programa de matrícula universitaria gratuíta, permite un aforro ás familias galegas de máis de 20 millóns de euros anuais.