O Grupo Popular vén de rexistrar no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno central que equipare, en termos do imposto sobre a renda, as parellas de feito legalmente constituídas cos matrimonios. “É unha cuestión que consideramos de pura lóxica e de xustiza social e, de feito, en Galicia as parellas de feito xa están equiparadas aos matrimonios á hora de beneficiarse das rebaixas fiscais establecidas pola Xunta tanto no Imposto sobre sucesións e doazóns, como no Imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, así como no acceso á pensión de viuvez, entre outros beneficios”, dixo o portavoz popular, Alberto Pazos.
Alberto Pazos explicou que na actualidade “as parellas de feito sen vínculo matrimonial non poden formar unha unidade familiar en termos do imposto sobre a renda das persoas físicas, polo que, paradoxicamente, estanse a dar situacións nas que nunha parella de feito con fillos, un dos membros poderá facer unidade familiar con estes fillos e o outro membro deberá declarar de xeito individual, porque a administración tributaria non recoñece esta unión”.
“Desde o Grupo Popular consideramos que esta situación ten que ser corrixida de inmediato e, tomando como referencia o que xa ofrece a Comunidade galega, equiparar a todos os efectos as parellas de feito cos matrimonios, de xeito que se respecten os dereitos de todos os cidadáns a elixir a súa forma de convivencia e que non existan estas diferenzas discriminatorias a efectos económicos e familiares”, manifestou o portavoz popular.
INDEFENSIÓN DAS MULLERES
Por outra banda, Alberto Pazos considerou “intolerable que, menos de dous meses despois de que se tivera coñecemento a través da Fiscalía do Estado de fallos no sistema das pulseiras antimaltrato, as vítimas volveran quedar desprotexidas o pasado martes ao rexistrarse un novo problema, sen que ata o momento ningún responsable do Goberno de Pedro Sánchez asumira responsabilidade algunha sobre estes fallos”.
Neste sentido, considerou “moi preocupante esta situación de indefensión das mulleres”, polo que esixiu que “desde o Goberno de España se traslade de inmediato a Galicia información precisa sobre as consecuencias destes fallos nas pulseiras antimaltrato, ao tempo que pedimos a dimisión ou cese inmediato da ministra de Igualdade e de todo o seu equipo, que demostraron a súa ineptitude para defender ás mulleres, non só amosando a súa incapacidade para evitar novos fallos no sistema das pulseiras, senón tamén mantendo vixente unha lei do só si é si que liberou da cadea a decenas de violadores e agresores sexuais; ao tempo que reduciu a condena a milleiros destes delincuentes sexuais”.
O portavoz popular lembrou que, con motivo da celebración o vindeiro 25 de novembro do Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, o Pleno ordinario da vindeira semana inclúe a comparecencia da conselleira de Política Social, sobre o avance na igualdade e na loita contra a violencia de xénero en Galicia; e o debate de tres proposicións non de lei sobre esta cuestión.
“Á marxe de toda a información que nos facilitará a conselleira na súa comparecencia desde o Grupo Popular queremos que a violencia de xénero deixe de ser un problema público e social de primeira magnitude, que atenta directamente contra a vida, a integridade física, a liberdade, a non discriminación e a dignidade de todas as mulleres”, subliñou.
DEBERES Á XUNTA E AO GOBERNO CENTRAL
Deste xeito, a través da proposición non de lei que se debaterá na sesión plenaria “poñemos deberes tanto ao Goberno da Xunta como ao Goberno central para avanzar na erradicación definitiva da violencia de xénero en todas as súas formas”, indicou Pazos. En concreto, pídese que a Xunta promova as axudas e prestacións para as vítimas, renove e impulse os centros de información á muller; e fomente a colaboración coas administracións locais para loitar contra a violencia de xénero.
Ao mesmo tempo, esíxese ao Goberno de Pedro Sánchez que, por enriba de todo, mellore os sistemas de protección ás mulleres vítimas de violencia de xénero, tanto do sistema Viogén como das pulseiras antimaltrato, “máxime despois de que o pasado martes se producira un novo fallo no sistema que sustenta estas pulseiras antimaltrato volveu poñer en perigo ás vítimas de violencia de xénero”.