O Partido Popular de Galicia denuncia que Santiago de Compostela está “ao límite” e que a súa cidadanía “non merece estar en mans dun goberno do BNG desbordado e que non é quen de xestionar unha cidade que é a capital de Galicia e un reflexo para todo o mundo”.
Así o manifestaron esta mañá a secretaria xeral Paula Prado e o presidente local do partido, Borja Verea, na visita que realizaron xunto ao concelleiro José Ramón de la Fuente ao parque de bombeiros da cidade, que, tal e como denunciaron, vén de “estar inoperativo durante varias xornadas e por primeira vez na historia por culpa do goberno do BNG”.
“Neste caso non vimos pancartas do BNG nin do seu sindicato (CIG) para denunciar a falta de cobro das horas extraordinarias dos bombeiros e da Policía Local. Tampouco vimos que activasen a caixa de resistencia para defender os dereitos laborais destes traballadores ante a súa irresponsable e neglixente xestión”, criticou a número dous dos populares galegos.
Prado considera que “a capital de Galicia non merece estar en mans de quen xoga coa súa seguridade e coas súas vidas como está facendo” e defende que o Partido Popular sempre estará a carón das demandas duns Forzas e Corpos de Seguridade que “teñen dereito a cobrar as súas horas de traballo e teñen dereito ás súas horas de descanso”.
“En cambio o BNG, coa complicidade do seu sindicato, é máis de asinar decretazos en contra dos dereitos dos seus funcionarios municipais”, contrapuxo ao tempo que se preguntaba “que sería dos santiagueses sen a Policía Nacional e a Garda Civil que velaron pola súa seguridade ante a ausencia de patrullas da Policía Local”.
Neste sentido lembrou que “o BNG que goberna Santiago é o mesmo BNG que, tal e como manifestou no seu programa electoral, quería e segue querendo expulsar ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado de Galicia”.
A secretaria xeral do PPdeG fixo extensivo este “caos” a outras cuestións como a falta de iniciativa cultural na cidade, as queixas dos hostaleiros, a suciedade das rúas ou a rede de autobuses municipal. Na xestión de todas estas problemáticas constátase, segundo apuntou, que “Santiago quédalle grande a Goretti Sanmartín” e que “un goberno con 6 concelleiros de 25 non ten capacidade de xestionar”.
“Os santiagueses non poden estar un minuto máis abandonados á súa sorte, sen que un goberno sólido e con capacidade de resposta como o que, estou segura, encabezará Borja Verea en 2027, garanta a súa seguridade e integridade ante calquera suceso ou emerxencia”, concluíu.
BORJA VEREA: “A NEGLIXENCIA E IRRESPONSABILIDADE DO BNG ESTÁ POÑENDO EN RISCO A VIDA DOS SANTIAGUESES”
“Goretti Sanmartín estalle facendo moito dano a Santiago. Coa súa neglixencia e a súa irresponsabilidade está poñendo en risco a vida dos santiagueses”, engadiu Borja Verea na mesma liña e en relación á inoperatividade dun parque de bombeiros “baixo mínimos”.
O presidente do PP local denunciou que o feito de que os bombeiros teñan que trasladarse de Boiro, de Ordes ou de Brión para suplir estas carencias “significa incrementar o tempo de resposta e 5 minutos salvan vidas; 10 minutos salvan vidas; 15 minutos salvan vidas; 20 minutos salvan vidas”.
“Nestes dous anos e medio non tiveron tempo de arranxar o problema co parque de bombeiros, cos bombeiros, coa Policía local, nin de pagar parte das nóminas destes profesionais. Sen embargo, si tiveron tempo para multiplicar por dous o número de asesores de altos cargos con salarios de 75.000 euros”, criticou.
Verea recordou que ao longo deste tempo o PP insistiu en reiteradas ocasións na necesidade de contratar máis bombeiros e axentes da Policía Local, pero que o goberno local “mentiu dicindo que a lei non o permitía cando si que o permite”.
“Enganaron á cidadanía, enganaron a estes profesionais, enganaron aos medios de comunicación e agora están recoñecendo que si se poden facer esas contratacións”, concluíu asegurando que o único problema que hai é “orzamentario” e, neste sentido, invitou á alcaldesa a “eliminar asesores e altos cargos e empregar eses cartos a atender as demandas dos bombeiros e da Policía Local”.