Os deputados do Grupo Popular Julio García Comesaña, Felisa Rodríguez e Manuel Santos, acompañados da deputada no Congreso, Irene Garrido, e alcaldes e portavoces do PP do Baixo Miño, denunciaron hoxe que o Goberno central “siga sen facer absolutamente nada para mellorar a situación do río Miño e nin tan sequera a ministra para a Transición Ecolóxica tivo a ben atender a solicitude para manter unha reunión na que abordar a preocupante situación ambiental do río”.
Deputados, alcaldes e voceiros do PP nesta comarca volveron reiterar a súa demanda para que o Goberno central actúe urxentemente no treito internacional da conca do río Miño, que padece unha situación crítica a consecuencia da falta de control do caudal ecolóxico; a proliferación de especies invasoras; o incremento da sedimentación do leito fluvial, a consecuencia da prohibición de realizar un dragado; ou a obsolescencia do regulamento de navegación e carencia de inspeccións adecuadas no transporte de pasaxeiros.
IGNORANDO AS PETICIÓNS
“A Xunta leva anos facendo o seu traballo e demostrando compromiso co río Miño, pero sen a implicación do Goberno central atopamos un muro de incompetencia e silencio”, lamentou Julio García Comesaña, quen criticou a postura que está a manter o BNG nesta cuestión, xa que non foi quen de apoiar nin Parlamento galego nin no Senado as propostas concretas que se levaron a estas cámaras para mellorar a situación.
Así mesmo, os alcaldes e representantes municipais do Partido Popular no Baixo Miño denunciaron que o Goberno de Pedro Sánchez “non só non fixo nada, senón que segue ignorando as peticións dunha comarca que vive e depende do río, ao tempo que se nega a reunirse para estudar a situación e valorar as intervencións necesarias que se deben acometer para mellorar a situación do río”.
García Comesaña afirmou que “seguiremos insistindo nesta denuncia ata que o Goberno de España atenda as nosas demandas para mellorar a situación que vive o Miño, un río que non pode seguir neste estado de abandono e que merece toda a atención que neste momento non ten desde o Goberno central”.