A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, pediu hoxe a BNG e PSdeG que “expliquen aos galegos que para facer todo iso que din propoñen recortar as nóminas dos funcionarios, deixar á xente sen cobrar a Risga, gastar menos en residencias de maiores, eliminar as axudas de vivenda ou privar aos médicos de material sanitario”.
Paula Prado concretou que nas emendas trasnversais presentadas por nacionalistas e socialistas aos orzamentos da Xunta para 2026 “pretenden recortar 420 millóns de euros en sanidade, 160 millóns en política social e 48 millóns en prevención e loita contra os incendios forestais”. “Despois da vaga de lumes que sufrimos este verán, queren baixar as partidas para formación de persoal, os servizos de retén de maquinaria pesada, o servizo de coordinación de medios aéreos ou o pago dos vehículos”, apuntou.
EMENDAS CLÁSICAS
“Son capaces de pedir unha cousa e a súa contraria ao mesmo tempo”, criticou a viceportavoz popular, quen explicou que “piden máis financiamento do sistema universitario, pero diminúen as transferencias xa previstas; piden ampliar os centros de día e residencias, pero recortan o crédito destinado ao financiamento dos centros de maiores; ou piden unha estratexia para a integración laboral das persoas con diversidade funcional, pero reducen a partida que cubre o custo salarial destas persoas nos centros especiais de emprego e iniciativa social”.
Así mesmo, Paula Prado lembrou que entre as emendas do BNG “non podían faltar cuestións clásicas do nacionalismo galego, como deixar sen luz, sen calefacción, sen teléfono e mesmo sen baños aos edificios administrativos e aos xulgados; deixar aos centros de saúde sen conexión informática e sen plataforma loxística, así como aos médicos sen catéteres, sondas, drenaxes, suturas ou apósitos; ou diminuír o apoio ás persoas vulnerables e en risco de exclusión social a través da Risga”.
“A gran novidade das emendas nacionalistas deste ano é que eliminan as axudas para a adquisición de vivendas en centros históricos e suprimen o orzamento parao mantemento das vivendas do IGVS; recortan as libranzas vinculadas a coidados na contorna familiar, servizos de residencia, centro de día e axuda no fogar; e diminúen as axudas para investimentos en conciliación e en materia de igualdade laboral”, apuntou.
NON INCOMODAR A PEDRO SÁNCHEZ
Respecto das emendas presentadas polo PSdeG, a viceportavoz popular criticou que, “con tal de non incomodar a Pedro Sánchez, están dispostos a que teñamos que sacar do peto dos galegos 10 millóns de euros para aceptar a súa chantaxe co financiamento da Unidade de Policía Adscrita a Galicia, cando se nos nega o que se lle deu a Valencia cando gobernaba o PSOE nesta comunidade, e mentres que a nós se nos racanean 200 axentes a Cataluña danlle 3.000 Mossos d’Esquadra”.
“Cando veñen a pedir aquí máis fondos para a gratuidade dos servizos de 0 a 3 anos, lembren que foi Pedro Sánchez o que prometeu que cofinanciaría a gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos e seguimos agardando que cumpra; do mesmo xeito que cando veñan falar da gratuidade das taxas universitarias, lembren que foi Pedro Sánchez o que prometeu a matrícula gratuíta e seguimos agardando; ou cando veñan aquí a pedir aumentar as partidas para fomentar a corresponsabilidade, lembren que foi Pedro Sánchez o que recortou nun 25 por cento o financiamento estatal do Plan Corresponsables; ou cando veñan aquí a pedir a gratuidade do servizo de axuda no fogar, recorden que é a Xunta a que financia o 70 por cento deste servizo porque Pedro Sánchez non paga o que debe”, indicou Paula Prado.