Os deputados do Grupo Popular José Luís Ferro e Juan Casares salientaron hoxe o impulso ao turismo cultural de toda a provincia de Ourense e especialmente para a comarca do Ribeiro a recente declaración pola Xunta do castro de San Cibrao de Lás como ben de interese cultural (BIC).
Nunha visita ao castro, acompañados do alcalde de San Amaro, Fernando Rodríguez, e a concelleira de Punxín Diana Sulleiro, os deputados populares salientaron que coa declaración de San Cibrao de Lás como BIC “refórzase a protección legal, a conservación e a posta en valor dun dos castros máis importantes do noroeste peninsular, tanto pola súa dimensión como polo seu extraordinario estado de conservación.
“Trátase dun dos xacementos arqueolóxicos máis singulares e visitados de Galicia, de grande valor cultural e histórico e un enclave crucial para o estudo da idade de ferro, especialmente no seu paso cara ao período romano”, manifestaron. Ademais, destacaron “o bo estado de conservación do poboado, xa que só un 15 por cento da súa superficie está escavada e musealizada, mantendo moita da súa integridade orixinal”.
José Luís Ferro afirmou que esta declaración como BIC “confirma o compromiso firme da Xunta coa defensa do patrimonio histórico e consolida o proxecto de recuperación integran do castro, que ata agora carecía dun marco de protección axeitado proporcional á súa relevancia”.
Pola súa banda, Juan Casares lembrou que “Florentino López Cuevillas, considerado como o pai da prehistoria galega, dirixiu en 1922 a primeira escavación en San Cibrao de Lás, despois dunha visita á zona que fixera o ano anterior canda Vicente Risco”. “Por este motivo, este castro representa unha mostra máis do labor que os galeguistas do cenáculo ourensán desenvolveron para sustentar e dar forma obxectiva á personalidade propia de Galicia”.