As deputadas do Grupo Popular Dolores Hermelo e Patricia García denunciaron hoxe en Cangas o “taxazo do lixo” do PSOE e BNG como un novo ataque aos petos da cidadanía e o seu “afán recadatorio cun servizo básico”, especialmente prexudicial para as zonas rurais. Así, recordaron que a normativa estatal, que cualifican de “inxusta, antisocial e centralista”, non atende a realidade da Comunidade galega, con máis de 200 concellos de menos de 5.000 habitantes.
Dolores Hermelo e Patricia García reprocharon a socialistas e nacionalistas que opten pola opción máis gravosa das que ofrece a directiva comunitaria, “que pretenden utilizar como coartada para xustificar unha decisión arbitraria que carga nas familias o financiamento deste servizo municipal”.
As deputadas defenderon a creación dun sistema flexible de financiamento que permita aos concellos utilizar fondos propios ou mediante modelos mixtos e adaptados ao territorio, co obxectivo de “ampliar as bonificacións sociais para colectivos vulnerables, como pensionistas ou autónomos con baixos ingresos, do mesmo xeito que están a facer noutros países da UE”.
SOBRECARGA FISCAL
Neste sentido, criticaron que, pola contra, “agora estase a duplicar, triplicar ou quintuplicar o recibo”, poñendo como exemplos disto a concellos como Cangas ou Vigo. Por iso, Patricia García demandou ao alcalde de Vigo, “que non executa o 100 por cento do seu orzamento, que utilice o superávit para mitigar e reducir a taxa do lixo, como están a facer outros municipios e administracións, como a Xunta”.
“Este taxazo non vai repercutir na mellora do servizo e vai supoñer unha sobrecarga fiscal para o 22 por cento dos fogares galegos que teñen dificultades para os seus gastos básicos”, argumentou Dolores Hermelo, ao que apuntou que “alegan un ecoloxismo de pose, cunha lei estatal mal deseñada, que non conta cunha avaliación real do impacto económico nos municipios, nin tampouco se prevén fondos de compensación, dado que non se destina un só recurso á educación ambiental nin á reciclaxe industrial”.