O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reuníronse no Parlamento de Galicia co portavoz do PP de Caldas de Reis, Fernando Pérez, e representantes das plataformas de Arcos da Condesa, Santa María e Godos para amosarlles o seu apoio á demanda para que o Ministerio de Transportes anule o actual estudo informativo do proxecto da variante oeste de Caldas de Reis e retome o trazado aprobado por unanimidade das forzas políticas deste concello e do veciño de Portas en 2008.
Alberto Pazos e Paula Prado, acompañados do tamén deputado popular Raúl Santamaría, rexeitaron que o Goberno de Pedro Sánchez, co beneplácito dos socialistas galegos, pretenda impoñer un novo trazado da variante de Caldas que causa graves prexuízos aos veciños tanto deste concello como da veciña localidade de Portas.
OPOSICIÓN DOS VECIÑOS
Deste xeito, amosaron o seu apoio á concentración convocada para o vindeiro sábado en Caldas de Reis coa que se pretende trasladar ao Goberno central a oposición dos veciños a todas as alternativas da nova proposta da variante oeste. Así mesmo, anunciaron a presentación de iniciativas no Parlamento de Galicia solicitando a anulación inmediata do estudo informativo elaborado polo actual Goberno central e que se elabore unha nova proposta de trazado da variante que adapte aos acordos unánimes dos Plenos municipais de Caldas e Portes do ano 2008.
“É incomprensible que o Goberno de Pedro Sánchez faga oídos xordos a unha demanda da gran maioría dos cidadáns destes concellos, que non entenden os intereses que pode haber para que se desprece o trazado respaldado unanimemente polos Plenos de Caldas de Reis e de Portas en 2008 e que supón unha afección ao territorio e ás propiedades moito menor que a nova proposta”, indicou Alberto Pazos.