O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable dos deputados do PSdeG, a través da que se reclama unha resposta urxente do Goberno de España ás reiteradas solicitudes de cesión gratuíta e definitiva das vivendas e solos propiedade da Sociedade de Xestión de Activos procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB) situados en Galicia, có fin de destinalos a políticas públicas de vivenda.
O deputado popular Roberto Rodríguez lembrou que o Goberno galego “ten solicitado en infinidade de ocasións ao Goberno central a cesión ou venda de vivendas propiedade da SAREB” para poñelas no mercado, ante o que “a resposta sempre foi a mesma: remitir listados de vivendas que se ofrecían e que non estaban en condicións de ser adquiridas: unhas non estaban rematadas, outras non dispoñían de licenza de primeira ocupación nin posibilidade de obtela, e a meirande parte emprazábanse en concellos sen demanda, non que non se xustificaba a adquisición”.
“Agora xa non hai posibilidade de que a Xunta adquira máis vivendas porque a SAREB pechou toda posibilidade de venda ou cesión cando acordou traspasalas á sociedade de vivenda anunciada polo Goberno central, a pesar de que Galicia aínda dispón de fondos para facerse con esas vivendas”, sinalou o deputado popular.
Roberto Rodríguez criticou que, “como colofón a este exemplo de boicot a aquelas administracións que, como a Xunta, queren actuar directamente na raíz do problema da vivenda e aumentar a oferta pública, o Goberno de Pedro Sánchez optou por transferir 55 millóns de euros a empresas privadas para que xestionen esas vivendas, que en Galicia serán adxudicadas ao marxe do rexistro de demandantes de vivenda”.
Deste xeito, considerou “incomprensible e intolerable que o Goberno central poña en mans privadas a xestión das 40.000 vivendas públicas da SAREB, que era a entidade que ía xestionar a nova empresa pública estatal de vivenda”. “O Goberno de Sánchez pon a xestión do problema que máis preocupa aos cidadáns nas mans dunha inmobiliaria, pero nada sabemos nin do proceso nin dos criterios de adxudicación deses alugueiros”, sinalou o deputado popular, quen concretou que “falamos de 40.000 vivendas e 2.400 solos onde, segundo os cálculos do propio Ministerio, se poderían construír 55.000 novas vivendas”.
Roberto Rodríguez amosou a preocupación porque esas vivendas “non sexan cualificadas como vivendas públicas, unha estratexia do Goberno central que non entendemos cando as comunidades autónomas, en particular Galicia, leva anos pedindo a cesión gratuíta de activos da SAREB para contribuír a incrementar o noso parque de vivendas públicas”.
“Pedimos ao Goberno central que recapacite e ceda gratuitamente á Xunta as vivendas da SAREB que estean en condición de ser habitadas, permitindo que esas vivendas se incorporen nos procedementos ordinarios de adxudicación de vivendas públicas, respectando a normativa e non xerando máis confusión entre a cidadanía”, rematou.