O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que no Plan Estratéxico da Política Agrícola Común (PEPAC), dentro dos efectos orixinados polo cambio climático, tamén se inclúan os efectos dos períodos de choivas persistentes que asolagan os terreos impedindo a súa labranza e aproveitamento.
O portavoz popular do Medio Rural, Miguel Ángel Viso, explicou que “os episodios de choivas persistentes repetíronse nos últimos anos con especial intensidade en varias comarcas, acumulando perdas significativas e poñendo de manifesto que non falamos dun incidente puntual, senón dun problema recorrente que afecta á viabilidade das explotacións”. “Estamos ante un risco sistémico, non ante un accidente illado, porque o cambio climático está a intensificar fenómenos extremos”, apuntou.
AXUDAS EXCEPCIONAIS
“O problema xorde cando a choiva deixa de ser unha circunstancia normal para converterse nun período prolongado no que o solo permanece saturado durante días ou semanas, o que provoca unha serie de consecuencias ben coñecidas polo sector, como a imposibilidade de realizar labores fundamentais, perdas directas nas colleitas, deterioro do solo agrícola, impacto económico nas explotacións ou desequilibrios territoriais”, indicou.
A estas consecuencias, Miguel Ángel Viso sumou que “as choivas persistentes favorecen a erosión, o arrastre de sedimentos e a perda de estrutura do solo, ao tempo que estas condicións ambientais cambiantes tamén están a permitir que especies como mosquitos transmisores, velutina ou carrachas se expandan, derivando en problemas serios para a cabana gandeira”.
Neste sentido, lembrou que a normativa europea “xa permite axudas excepcionais cando existen fenómenos meteorolóxicos adversos, e as choivas persistentes encaixan perfectamente nesa definición: son imprevisibles, incontrolables e teñen un impacto directo sobre os rendementos”.
O portavoz popular propuxo que o Goberno central articule unha demanda ante a Unión Europea que supoña un recoñecemento explícito dos períodos de choiva persistente como risco agrario cualificado na PAC, se creen liñas de compensación específicas, se impulsen medidas preventivas e de adaptación agronómica; se axuste e reforce o sistema de seguros agrarios; e se cree un sistema de seguimento e avaliación anual que permita activar medidas cando se produzan limiares determinados de precipitación acumulada ou de saturación de terreos.