O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de BNG e PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno de España a creación dunha base permanente da Unidade Militar de Emerxencias (UME) na localidade ourensá de Toén, que axilizaría o despregue de medios de extinción fronte a futuros incendios forestais.
O deputado popular Ángel Rodríguez manifestou que “todos os medios son necesarios na loita contra os incendios forestais” e destacou a cooperación entre as administracións no combate das lapas, facendo máis áxil o despregue de medios de extinción fronte aos novos incendios”.
Na súa intervención, Ángel Rodríguez lembrou que o Presidente Rueda avanzou, na súa comparecencia no Parlamento galego para facer un balance da vaga de incendios deste verán, a solicitude ao Goberno de España da creación dunha base permanente da UME en territorio galego, tendo en conta que “a proximidade dos medios que deben despregarse sobre o territorio fronte aos novos incendios é un factor fundamental que favorece o tempo de resposta e os propios traballos de extinción”.
BASE ACTUAL EN LEÓN
Na actualidade, a UME ten a súa base de operacións máis próxima a Galicia na sede do V Batallón de Intervención de Emerxencias, emprazado en San Andrés de Rabanedo en León e a tres horas de Ourense por estrada. “A súa activación require diferentes trámites e autorizacións que precisan dun tempo do que moitas veces nos incendios forestais non se dispón, e que é fundamental para un rápido control e extinción dos lumes”.
Rodríguez defendeu a idoneidade da localización da base permanente da UME en Toén porque nesta localidade “tamén está emprazado o Centro Integral de Loita contra o Lume, de titularidade autonómica, o que favorecería sinerxías e permitiría que os seus efectivos teñan máis familiaridade cos medios galegos”.
Así mesmo, o deputado popular sinalou que “outra vantaxe relevante da localización da UME en Galicia ten que ver con que os efectivos desta unidade militar, cando están exercendo as súas funcións, teñen a consideración de axentes da autoridade, o que permite que manden desaloxos, cortes de vías e outras ordes especialmente útiles ante situacións de emerxencia”.