Os deputados do Grupo Popular Cristina Sanz e José Manuel Mato salientaron hoxe que os concellos da comarca da Mariña lucense recibirán o vindeiro ano máis de 4,6 millóns de euros do fondo de cooperación local da Xunta de Galicia, unha partida que se suma aos máis de 25 millóns de euros que o Goberno galego ten previsto investir directamente en obras e servizos nestas localidades ao longo de 2026.
Nun encontro mantido coa alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, os deputados populares salientaron o incremento nun 12 por cento da partida que a Xunta destinara en 2026 ao fondo de cooperación local. En concreto, os concellos da Mariña recibirán en total 4.226.181 euros do fondo base correspondente a 2026, ao que se sumarán outros 416.340 euros procedentes do fondo adicional do ano 2024.
Por concellos, e tendo en conta que o reparto faise en función da poboación de cada municipio, Viveiro será a localidade que recibirá unha maior contía do fondo (556.976 euros), seguida por Ribadeo (516.398 euros) e Foz (506.310 euros). Pola contra, os municipios que ingresarán menores cantidades o vindeiro ano serán Riotorto (171.347 euros), Trabada (183.026 euros) e Lourenzá (183.272 euros).
GALICIA, COMUNIDADE PIONEIRA
Cristina Sanz subliñou que “Galicia foi a comunidade pioneira en establecer no ano 2011 este instrumento de financiamento estable das entidades locais, que se regula anualmente a través das leis de orzamentos da Comunidade galega”.
Porén, puxo de manifesto a necesidade de que o Goberno central defina o novo modelo de financiamento local, “que teña presente as especiais características da nosa comunidade, como a dispersión xeográfica ou o envellecemento”.
Pola súa banda, José Manuel Mato destacou que esta aportación directa da Xunta aos concellos súmase aos máis de 25 millóns de euros que o Goberno galego ten previsto investir directamente na comarca da Mariña o vindeiro ano. En concreto, entre as obras de maior orzamento, citou a mellora do saneamento e a construción da nova depuradora de Burela; a continuación das obras da depuradora de Foz; a mellora de abrigo e a creación de prazas de pantalán no porto de Morás, en Xove; a reparación do abastecemento de auga a Ribadeo e Trabada; a remodelación da dársena de Foz; o acondicionamento do porto de Celeiro-Viveiro ou as novas fases do plan director do Hospital da Mariña.