Os deputados do Grupo Popular Roberto Rodríguez e Gonzalo Trenor esixiron hoxe que os ministerios de Educación e de Traballo “abandonen as súas liortas e poñan fin á problemática existente cos auxiliares de conversa, de xeito que este programa poida continuar desenvolvéndose con total normalidade en Galicia e os 690 auxiliares continúen realizando este ano o seu importante traballo en case 800 centros de ensino galegos”.
“Resulta intolerable que a rifa existente no Goberno de Pedro Sánchez entre a á socialista e a á de Sumar chegue ao punto de que un programa como o de auxiliares de conversa, que se leva impartindo en Galicia desde o ano 2009 con total normalidade, estea en perigo a súa continuidade pola falta de entendemento entre dous ministerios”, lamentou Roberto Rodríguez.
DE 67 A 690 AUXILIARES DE CONVERSA
En concreto, explicou que, “despois de tantos anos funcionando, o Ministerio de Traballo acordouse agora de que os auxiliares de conversa deben contar cun contrato laboral no réxime da Seguridade Social, cando están definidas como persoas que participan nun intercambio cultural, polo que non están obrigados a esas relacións laborais”. Porén, apuntou que, a pesar desta situación, “contan con todas as coberturas, seguro médico, así como un ingreso en concepto de axuda para gastos de aloxamento e manutención sufragado pola Xunta de Galicia”.
Diante desta situación, os deputados populares anunciaron que “levaremos este problema ao Parlamento de Galicia para buscar o apoio dos grupos da oposición e solicitar ao Goberno de España que poña de acordo a estes dous ministerios para garantir a continuidade do programa de auxiliares de conversa, que tan bos resultados leva colleitado ao longo dos últimos 15 anos”.
Gonzalo Trenor sinalou que o programa de auxiliares de conversa, que este ano suporá un custo de 5,2 millóns de euros, dos que a Xunta aporta 4,8 millóns, “multiplicou por 10 o número de auxiliares que iniciaron a súa actividade no 2009, pasando dos 67 que comezaron en 2009 aos 690 actuais”. Estas persoas proceden de 19 países, que prestan apoio ao ensino en ata cinco idiomas diferentes (inglés, francés, portugués, alemá e chinés) en cerca de 800 centros de ensino galegos, entre colexios de infantil, primaria, ESO, bacharelato, escolas oficiais de idiomas e centros de ensinanzas artísticas.