O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, subliñou hoxe que se Galicia “está de moda” é grazas a que hai “modelos para ensinar e para presumir” como Sanxenxo.
“Cando saímos presumimos de moitas cousas que ten Galicia, pero entre as catro ou cinco cousas que sempre identifica a xente de fóra como Galicia Calidade, Sanxenxo sempre está. E iso é un logro colectivo: dos que gobernan e de todos os veciños e veciñas”, expresou esta noite o líder dos populares galegos, despois de sumarse á celebración da cea do PP local, con 600 asistentes, xunto ao presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, a responsable de Vivenda do Goberno galego, María Martínez Allegue, e o alcalde Telmo Martín como anfitrión.
Rueda sinalou o 2026 como “un ano clave”, tendo en conta a proximidade co Ano Xacobeo 2027, no que Galicia “vai facer historia” e Sanxenxo terá un papel protagonista. “Aquí hai moitísimas grandes cousas que facer se nos seguides dando a confianza”, abundou sobre un concello “referente”.
Así mesmo, en clave nacional, fixo referencia as “situacións que avergoñan” do Goberno de Sánchez, e polas que este domingo participará na concentración de Madrid, e avogou por “seguir gobernando e resolvendo problemas, con ese sentidiño e normalidade que cada día se valora máis”. “Imos intentar que siga sendo así por moito tempo, con xente responsable á fronte, como Telmo Martín”, remarcou.
Por último, antes de desexar Bo Nadal, agradeceu a “xenerosidade” para que a ex tenente de alcalde de Sanxenxo, María Deza, pasara a “traballar por toda Galicia” recentemente como nova responsable da Axencia Galega de Infraestruturas.
Pola súa banda, Luis López tamén felicitou o Nadal aos asistentes e cualificou ao PP de Sanxenxo como o «exemplo perfecto» de partido pola súa «magnífica xestión» ao fronte do Concello e polo seu gran traballo político, orgánico e de mobilización «grazas á proximidade coa xente e a unha capacidade de traballo inmensa de Telmo Martín e de todo o seu equipo».
«Sanxenxo é un concello costeiro como hai decenas en todas Galicia, pero o PP local conseguiu que sexa o sitio ao que todo o mundo quere ir, tamén no Nadal, por convertelo nun lugar dinámico e acolledor que ofrece infinitas oportunidades de traballo e de descanso. Sanxenxo non sería o que é, un referente en toda España, se non fora polo liderado do alcalde e polo compromiso de todos os que forman o Partido Popular desta vila», rematou López.
“SANXENXO LEVA OITO ANOS AVANZANDO”
Mentres, Telmo Martín sinalou que coa axuda da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, así como co traballo dos seus compañeiros do goberno local, “Sanxenxo leva oito anos avanzando.”
Neste sentido, augurou que “o 2026 non vai ser distinto”: “Ao contrario, imos iniciar proxectos de larga execución, pero que marcarán un camiño que seguirán outros concellos. Non hai un ano sen novas infraestruturas, equipamentos ou no que se melloren os servizos municipais”.