A portavoz de Política Social do Grupo Popular, Raquel Arias, denunciou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o BNG, a través do seu sindicato nacionalista CIG, “quere fiscalizar e ter o control totalitario de toda a actividade que se faga en Galicia, e agora céntrase nos inspectores dos servizos sociais”. “Queren entrar, controlar e manipular os centros de maiores, colexios, hospitais e rúas”, incidiu.
Raquel Arias asegurou que “ao BNG non lle importa nada a calidade de vida dos galegos dependentes e dos máis vulnerables, porque se iso for certo xa terían rachado con Pedro Sánchez hai moito tempo”.
“O obxectivo do Goberno galego é que en todos os centros de Galicia, sexan da titularidade que sexan se ofreza unha atención de máxima calidade”, dixo a portavoz popular, quen explicou que a Xunta dispón dun equipo de inspectores que decide as actuacións que son necesarias, sen coñecemento nin inxerencias externas”.
MENTIRAS E ENGANOS
Neste sentido, criticou que desde o BNG “chegaron a denunciar que na residencia de maiores de Monforte había un brote de sarna, malnutrición e mala atención aos asistentes. Todo absolutamente falso e que foi desmentido rotundamente desde a Consellería e desde a propia residencia”.
“Tamén pretenderon enganar ás traballadoras de servizos sociais dicíndolle que a non renovación do convenio colectivo depende da Xunta, cando saben perfectamente que o Goberno galego só pode mediar entre os representantes dos traballadores e a empresa, e xa o está facendo”, apuntou.