O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de BNG e PSdeG, a través da que se insta á Xunta a encargar ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a elaboración dun estudo técnico detallado sobre a atención continuada e urxente na comarca do Morrazo, con especial atención á situación dos concellos de Cangas e Moaña, no que se avalíe as vantaxes asistenciais, organizativas e de eficiencia derivadas do modelo actual fronte a posibles alternativas de redistribución dos servizos.
A deputada popular Dolores Hermelo lamentou que, segundo as previsións establecidas no estudo das necesidades sanitarias elaborado en 2018 pola Consellería de Sanidade, a comarca do Morrazo “debería ter a estas alturas un centro de saúde novo en Moaña e un centro integral de saúde en Cangas”. “Porén, debido a uns gobernos municipais incapaces e torpes, esta comarca aínda non ten en marcha o centro de saúde de Moaña, xa que o Goberno local non é capaz de executar a acometida de auga necesaria, logo de que a Xunta fixera un investimento de máis de 9 millóns de euros; e para o novo CIS de Cangas nin tan sequera o Concello cedeu a parcela necesaria ao Sergas”, apuntou.
NOVAS CIRCUNSTANCIAS
Diante desta situación, Dolores Hermelo manifestou que “as novas circunstancias deben ser avaliadas porque xa non serve o estudo feito con anterioridade: a casuística é totalmente diferente e os veciños e veciñas do Morrazo queren melloras na sanidade pública, de xeito que se traballe para que o CIS de Cangas poda ser unha realidade, como o vai ser o novo centro de saúde de Moaña, unha vez os respectivos gobernos municipais deixen de bloquear estas novas infraestruturas sanitarias”.
“Este novo estudo de necesidades sanitarias do Morrazo será o punto de partida para avaliar as necesidades reais actuais e futuras nesta comarca, comprometéndonos a que o seu resultado será a ruta que marque as actuacións sanitarias a curto, medio e longo prazo”, incidiu a deputada popular.
Para rematar, Hermelo pediu “unir forzas para conseguir dunha vez que os gobernos de Moaña e Cangas deixen de facer política coa sanidade e sexan quen de traballar para os veciños e veciñas, ao tempo que sexan os técnicos e os profesionais os que fagan o seu traballo para concretar as necesidades sanitarias da comarca do Morrazo”.
“Mentres, a Xunta seguirá reforzando o seu compromiso coa sanidade nesta comarca con feitos, como a reforma do centro de saúde de Domaio, ampliando o número de profesionais; incorporando unha ambulancia de soporte vital avanzado para reforzar as urxencias; e mantendo a partida orzamentaria precisa para executar o CIS en Cangas cando o bloqueo municipal se supere”, concluíu.