O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno de España que elimine no Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) a cita previa obrigatoria como requisito indispensable para a atención presencial, garantindo que calquera persoa poida ser atendida de maneira directa nas oficinas. Ademais, pídese que implante un modelo de atención presencial flexible, como o aplicado polo Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG), que permita compatibilizar a cita previa coa atención directa sen barreiras.
A portavoz popular de Emprego, Noelia Pérez, explicou que o Servizo Público de Emprego Estatal é o encargado das prestacións, dos subsidios, das incidencias nestas cuestións e dos certificados e trámites que condicionan a vida diaria de moitas persoas. “Un servizo público esencial que, tras a pandemia, o Goberno de Pedro Sánchez decidiu manter como permanente o que fora unha medida excepcional: a cita previa obrigatoria”, sinalou.
“Un servizo público significa portas abertas, proximidade e humanidade, e, para quen insiste en presentarse como o Goberno máis progresista da historia, isto é exclusión e desigualdade”, manifestou a portavoz popular.
Noelia Pérez salientou que “Galicia ten un modelo distinto, porque o Servizo Público de Emprego demostra cada día que é posible compatibilizar a cita previa e a atención directa”. “Un modelo flexible, moderno e humano que garante accesibilidade, equidade e unha atención pública de verdade”, dixo.