O Partido Popular de Galicia sitúa a maioría que ostentan Nidia Arévalo e o seu equipo en Mos como exemplo de que, cando a cidadanía confía en gobernos do PP para xestionar o seu día a día, estes devólvenlle esa confianza a través do cumprimento da palabra dada, a estabilidade, o rigor e o sentidiño que caracterizan ao partido.
Así o manifestou hoxe a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, na cea de Nadal organizada polo PP de Mos e na que participou xunto ao presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, a alcaldesa Nidia Arévalo, e as responsables de Economía e do Mar no Goberno galego, María Jesús Lorenzana e Marta Villaverde.
“As catro maiorías absolutas acadadas por Nidia Arévalo son o resultado do seu traballo, da súa ilusión, da súa ambición e do compromiso que demostra día a día cos seus veciños e veciñas”, explicou neste sentido.
Na mesma liña, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, felicitou o Nadal aos asistentes e cualificou ao PP de Mos como o “exemplo perfecto” de partido pola súa “magnífica xestión” á fronte do Concello e polo seu gran traballo político, orgánico e de mobilización “grazas á proximidade coa xente e a unha capacidade de traballo inmensa de Nidia Arévalo e de todo o seu equipo”.
“Mos é un concello mediano como hai moitos en toda Galicia, pero o PP local conseguiu convertelo nun sitio único, nun lugar dinámico e acolledor que ofrece infinitas oportunidades e nunha auténtica referencia en toda Galicia”, sinalou López destacando que “a clave do éxito” de Nidia Arévalo e dos populares de Mos céntrase no seu exclusivo compromiso cos seus veciños: “Fronte aos que apostan só pola lea e a confrontación e acaban perdendo todas as oportunidades, o PP de Mos aposta polo traballo, a colaboración e a xestión para gañar investimentos, e así é como se fan as cousas”.