A deputada do Grupo Popular Felisa Rodríguez avanzou hoxe no Parlamento de Galicia “a inminente tramitación da nova Lei de Administración Local de Galicia, unha norma pioneira, adaptada á realidade galega e pensada especialmente para os concellos pequenos, que representan o 90 por cento do total e sofren envellecemento, dispersión e risco de despoboamento”.
Felisa Rodríguez indicou que a nova lei “será unha reforma integral, logo de case 30 anos de vixencia da norma anterior, para adaptala aos profundos cambios normativos, tecnolóxicos e sociais dos últimos anos”. Ademais, garantiu que elaborarase “con rigor, mediante un amplo proceso participativo, coa colaboración das universidades galegas, expertos, profesionais e entidades locais”.
ACTUALIZAR O MARCO NORMATIVO
En concreto, a deputada popular manifestou que “un dos eixos fundamentais desta lei será avanzar nun novo sistema de financiamento local que teña en conta criterios clave para Galicia, como a dispersión e o envellecemento da poboación, causas dun infrafinanciamento que o Goberno central segue sen recoñecer”. Así, dixo que a nova lei “definirá os concellos en risco de despoboamento, reforzará a súa capacidade para prestar servizos e manterá incentivos ás fusións municipais, priorizándoas nas axudas”.
“O Goberno galego non nega a necesidade de actualizar o marco normativo, pero faino con consenso institucional, seguridade xurídica e responsabilidade financeira, non a golpe de titulares nin desde a imposición, como pretenden desde o BNG”, rematou.