O Partido Popular de Galicia esixe ao Goberno central explicacións por ignorar ao Congreso dos Deputados durante case dous anos en materia de control pesqueiro.
O PPdeG vén de rexistrar unha pregunta escrita no Cámara Baixa para esixir ao Goberno de Sánchez que explique por que ignorou durante meses o mandato parlamentario aprobado o 29 de maio de 2024, que instaba a aplicar as medidas de flexibilización previstas no Regulamento comunitario de control da pesca, e por que só rectificou tras as mobilizacións do sector pesqueiro e a presión dos populares.
A iniciativa parlamentaria aprobada hai case dous anos pedía unha aplicación das medidas de flexibilización que prevé o propio Regulamento comunitario. Esa normativa, que entrou en vigor o pasado 10 de xaneiro deste ano, esixía unhas medidas que o sector advertira que resultaban difíciles de aplicar e que eran prexudiciais para a actividade diaria da frota.
Con todo, o Goberno central optou por non actuar, mantendo unha situación de inseguridade xurídica e malestar crecente na xente do mar.
Agora, sen que se producira ningún cambio normativo nin se fixera pública a existencia de novos informes técnicos ou xurídicos, o Ministerio publicou unha resolución aceptando algunha das flexibilidades que xa foran reclamadas polo Congreso e polos profesionais.
O PPdeG considera que este cambio de criterio “evidencia que si existía marxe legal para flexibilizar a aplicación dos controis” e que “a negativa mantida ata o de agora non respondía a razóns técnicas, senón a unha falta de vontade política”.
“O grave non é só que o Goberno rectificase tarde, senón que o fixera ignorando ao Congreso e reaccionando unicamente cando o sector saíu á rúa e cando insistimos desde o PPdeG”, sinala Rosa Quintana, encargada de pesca no PP nacional, que reclama explicacións claras sobre os motivos do atraso e sobre o impacto que esta situación tivo na frota.
O PPdeG remata subliñando que o sector pesqueiro necesita “seguridade xurídica, diálogo e respecto institucional” e advirte, así mesmo, de que “gobernar de costas ao Parlamento e ao sector só xera conflitos evitables e prexuízos innecesarios para unha actividade estratéxica”.