A senadora galega Carmen Leyte logrou por unanimidade que a Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa (PACE) se pronunciara en contra dun novo proxecto de protocolo sobre o ingreso e o tratamento involuntarios de persoas en servizos de saúde mental, sinalando que dificultaría a abolición das prácticas coercitivas nas devanditas contornas.
Esta iniciativa supón a primeira vez que o órgano europeo rexeita un proxecto de protocolo do Comitéde Ministros.
O Comité de Ministros, órgano executivo da organización, solicitou á Asemblea que emitise unha opinión sobre o proxecto de protocolo elaborado por expertos intergobernamentais. Así, a opinión baseada nun informe de Carmen Leyte foi clave para que esta Asemblea, á que pertencen 324 membros dos parlamentos nacionais dos Estados membros do Consello de Europa, recoñecese a necesidade de establecer un marco para as medidas excepcionais de último recurso para tratar ás persoas con problemas de saúde mental.
A senadora ourensá advertiu durante a súa intervención da “afectación aos dereitos, á dignidade e a autonomía de miles de persoas en todo o mundo” que supoñen as prácticas coercitivas, polo que apelou ao “profundo sentido da responsabilidade” e solicitou a “transición inmediata cara a abolición destas prácticas”, en consonancia coas recomendación dos organismos de dereitos humanos en Europa.
GARANTÍAS LEGAIS E RISCO DE ABUSOS
Citou diversas recomendacións de organismos internacionais ante as medidas de ingreso involuntario dos pacientes de saúde mental; que nos últimos anos advertiron que non había garantías legais nestes procesos, así como do risco de abusos. Neste sentido, Leyte reiterou que as medidas coercitivas “deben ser o último recurso” para as persoas con doenzas mentais ou con discapacidades.
Lamentou que a pesar destas recomendacións, o Comité de Ministros seguise traballando no protocolo que pretende continuar coas prácticas denunciadas.
“A autonomía debe ser o principio reitor, non un apéndice. O obxectivo común non debe ser fomentar o internamento involuntario, senón a autonomía destes pacientes”, destacou.
Na súa condición de médica, a senadora popular recoñeceu que “non é posible eliminar da noite á mañá as prácticas coercitivas”, porén, insistiu en que calquera regulación ou cambio “non pode ser un freo nin unha coartada para manter o que debería ser excepcional e último recurso”.
Citou países europeos que camiñan cara a eliminación destas prácticas, sinalando que traballan con “medidas reais, eficaces e respectuosas cos dereitos humanos”, grazas a iniciativas como a “detección precoz, formación axeitada, participación dos pacientes e compromiso político real”.
Por último, Leyte convidou ao Consello de Europa a “estar á altura deste desafío”.