O Partido Popular de Galicia levará ao Parlamento galego unha iniciativa para instar á oposición a que amose a súa vontade de condenar a vandalización das sedes do PP atacadas esta semana, así como para esixir unha política “respectuosa, democrática e legal”.
Así o anunciaron hoxe a secretaria xeral, Paula Prado, e a presidenta provincial do PP de Lugo e portavoz na cidade, Elena Candia, nunha visita á sede provincial lucense afectada —polos empapelados e consignas—, na que tamén participou a presidenta das Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira. Ademais, esta iniciativa popular vaise trasladar a tódalas agrupacións locais e provinciais de Galicia, para que nos concellos e deputacións poida ser obxecto de debate.
“Estes ataques son consignas que queren xerar conflitividade social e polarización e que non teñen nada que ver con sociedade galega tranquila e afastada dos discursos nos que nos queren meter o BNG e o PSOE”, definiu.
Prado sinalou que aos actos vandálicos “non lle podemos chamar accións políticas, senón accións violentas”, pedindo a todos os partidos políticos que non sexan “cómplices” e condenen este tipo de ataques. Con todo, lembrou que hai dous anos, independentistas e socialistas tampouco condenaron unha vandalización similar na sede do PP nesta mesma cidade.
Pola súa banda, Elena Candia fixo un chamamento a “unir forzas” e lanzar “unha mensaxe común” dende un lugar como Lugo, que sufriu actos vandálicos coma este en reiteradas ocasións. “Estes ataques taparon os nosos logos e imaxes, con frases e imaxes que condenamos, por iso hoxe pedimos a todas as forzas políticas que condenen os feitos”, manifestou.
A portavoz popular en Lugo animou a tódolos partidos políticos a ser “exemplarizantes”, así como ás entidades que colaboran con eles. “Lugo di alto e claro que condena estes ataques, tanto en sedes de formacións políticas como en espazos privados de militantes”, destacou.
Candia tildou esta vandalización de “prácticas absolutamente antidemocráticas e inaceptables que debemos conseguir erradicar entre todos”. Por último, instou á oposición a que se “posicione” claramente contra estes feitos.
ELENA CANDIA, FUTURA ALCALDESA DE LUGO
A secretaria xeral do PPdeG tamén fixo referencia ao “desgoberno” provocado polo “pacto de perdedores dos independentistas e o PSOE, fronte a un partido, o PP, que só quedou a un concelleiro da maioría absoluta” no Concello de Lugo.
Fronte a este “desgoberno”, puxo en valor a Elena Candia como “futura alcaldesa de Lugo” para cambiar a situación actual, onde, dixo, “PSOE e BNG están máis preocupados das súas liortas internas” e, ademais, “intentan normalizar o Pacto Guarro”, asinado polos mesmos partidos co voto dun presunto acosador sexual, José Tomé, para manterse na Deputación de Lugo.
ACTITUDES PROPIAS DE RÉXIMES AUTORITARIOS
Na PNL anunciada hoxe, o PPdeG xustifica a urxencia da proposición na relevancia dos feitos acontecidos, a súa reiteración, e a necesidade de contar cun posicionamento claro en defensa do respecto institucional, do uso responsable dos espazos comúns e da convivencia democrática.
Para os populares, o empapelado e a colocación de carteis en varias fachadas de Galicia, supón unha vulneración do dereito á propiedade, do respecto institucional e das normas básicas de convivencia cidadá.
Ademais, subliñan que as consignas teñen o único fin de “xerar crispación, polarización e alimentar a conflitividade social”.
A iniciativa tamén recolle a escalada dos ataques, xa que se produciron tamén en inmobles alleos á actividade política, “polo único feito de ser propiedade de militantes de determinadas formacións políticas e como sinalamento do seu compromiso ideolóxico. Actitudes propias de réximes autoritarios e afastadas do espírito democrático”.