O PPdeG presentou no Parlamento de Galicia unha iniciativa para instar ao Goberno de España a acometer a renovación integral e inmediata do firme das estradas nacionais N‑550 e N‑634, na provincia da Coruña, vías que presentan un estado “crítico e perigoso” tras anos de abandono e parcheos temporais.
A presentación tivo lugar nun encontro cos medios antes dun percorrido pola vila no que participaron os deputados Carmen Pomar Tojo e Rubén Lorenzo Gómez, acompañados polo alcalde de Ordes, José Martínez Sanjurjo, e por veciños afectados, que levan anos reclamando unha solución definitiva sen recibir resposta efectiva por parte do Executivo central.
O deterioro destas estradas, fundamentais para a mobilidade interna e o transporte pesado, é especialmente grave en treitos como a N‑550 ao seu paso por Ordes, Oroso e Padrón, e a N‑634 entre Curtis e Teixeiro, onde os vehículos se ven obrigados a invadir o arcén ou mesmo o carril contrario, segundo puxeron de manifesto os representantes do PPdeG.
Os deputados populares destacaron que esta situación non só compromete o confort, senón tamén a seguridade viaria, con accidentes graves rexistrados nos últimos anos.
PETICIÓN DE RENOVACIÓN INTEGRAL E URXENTE
A iniciativa presentada polo PPdeG reclama a renovación integral e urxente do firme nos treitos máis deteriorados da N‑550 e N‑634, acompañada dun plan plurianual de investimentos que garanta un mantemento estable e continuo das estradas.
Tamén se solicita a mellora da sinalización, iluminación e medidas de seguridade nos puntos de maior risco, así como a comunicación periódica aos concellos e á Xunta sobre o estado das obras e os prazos de execución.
Ademais, o PPdeG pide que estas actuacións se inclúan como prioridade nos próximos orzamentos xerais do Estado, asegurando que as obras se realicen de forma inmediata e efectiva para protexer a seguridade e a mobilidade de veciños, empresas e transporte pesado na provincia da Coruña.
O alcalde de Ordes e os veciños presentes cualificaron a situación de “insostible”, afectando á seguridade, á actividade económica, ao transporte de mercancías e á mobilidade diaria. “Non pedimos nada extraordinario: pedimos o que calquera cidadán merece, estradas seguras e en bo estado”, concluíron os representantes populares.
ESTADO DAS VÍAS: IMPROPIO DO SÉCULO XXI
Tanto concellos como usuarios levan anos solicitando actuacións integrais, pero o Goberno central limitouse a parcheos temporais de curta duración, que se degradan rapidamente, sobre todo tras choivas intensas. “Non é aceptable que dúas das principais vías de comunicación da provincia estean nun estado impropio do século XXI. A cidadanía merece estradas seguras e ben mantidas, non remendos que duran unha semana”, subliñaron Pomar e Lorenzo.