O PPdeG critica a “manipulación” do BNG por “erixirse en salvadores do sector lácteo”, cando foi o Goberno galego o que estivo “dende o minuto un” ao carón dos produtores. Os populares urxen un cambio na lei estatal da cadea alimentaria ao Ministerio de Agricultura, polo que reclaman aos independentistas galegos que “se mobilicen polo sector lácteo en Madrid, onde son socios do Goberno de Sánchez, e “en lugar de apoiar as medidas galegas, dedícanse só a lanzar mensaxes baleiras ao aire”.
A prioridade dos populares é garantir o futuro dos produtores galegos, conscientes da situación que están a vivir, marcada pola redución dos prezos ofrecidos aos gandeiros nos contratos, un contexto agravado polo incremento dos custos de produción derivados do conflito en Oriente Próximo. “Situámonos, hoxe e sempre, ao carón dos nosos gandeiros. Somos o partido do rural, a favor da sustentabilidade do noso sector lácteo, un piar na economía galega”, insisten dende o PPdeG.
Por este motivo, o Goberno galego actuou “con responsabilidade e medidas”, reforzando os controis para verificar que se cumpre a lexislación na sinatura dos novos contratos e vixiando que leite está entrando desde outros países europeos e como se vende despois nos lineais.
Neste sentido, para o PPdeG resulta “sorprendente” e “bochornosa” a petición do BNG de que a Xunta de Galicia convoque a Mesa do Lácteo. Os populares lembran que o Goberno galego xa leva semanas reuníndose con diferentes axentes da cadea de valor: dende os produtores, a través dos sindicatos Unións Agrarias, Asaga e Agromuralla; ata a industria e a distribución.
GALICIA PROMOVE MEDIDAS, MADRID MIRA CARA OUTRO LADO
“Ignoran que o Goberno galego si promove medidas, mentres o PSOE e o BNG miran cara outro lado en Madrid, que é onde teñen que apoiar ao sector, pedíndolle ao seu socio Sánchez que actúe e que garanta o futuro do sector”, apuntan dende o PPdeG.
Nesta liña, os populares reiteran ao Goberno central a necesidade de “máis compromiso” co sector lácteo, con medidas “efectivas e reais” que introduzan na Lei estatal da cadea alimentaria os umbrais que eviten a venda a perdas, así como un control máis exhaustivo dos contratos da leite ata a súa renovación e unha avaliación de posible competencia desleal dos excedentes que están entrando a España de outros países da Unión Europea. “A Consellería do Medio Rural leva traballando para paliar a situación no sector lácteo desde o primeiro momento, moito antes de que os señores do BNG se manifestaran”, conclúe o PPdeG.