O PPdeG vén de presentar unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que manifesta a súa preocupación ante o impacto laboral e social na planta de Pontecesures, derivado do expediente de regulación de emprego por Nestlé, e traslada todo o seu apoio aos 27 traballadores afectados e ás súas familias.
Tal e como sinalou o deputado parlamentario e voceiro do PP de Padrón, Ángel Rodríguez, a posible redución de postos de traballo suporía un “impacto relevante” nos concellos da comarca do Baixo Ulla, especialmente nun contexto no que resulta prioritario consolidar emprego industrial estable e manter a actividade produtiva no territorio. Así, remarcou a necesidade de que, tanto a sociedade como as institucións, incluída a Cámara galega, amosen o seu respaldo á protección dos empregos desta empresa e á defensa dun ámbito estratéxico para Galicia como é o agroalimentario.
Nesta mesma liña, a iniciativa avoga porque se leve a cabo un proceso de negociación real e construtivo entre a dirección da multinacional suíza e o comité de empresa, “esgotando todas as vías posibles” que permitan preservar o emprego e a actividade industrial da planta. Neste punto, o deputado Raúl Santamaría apuntou á urxencia de procura unha alternativa que “garanta a competitividade da planta”.
Os deputados populares, que asistirán, mañá sábado, á manifestación convocada polo comité de empresa en contra do ERE, solicitaron, tamén, ao Goberno galego que, no marco das súas competencias, continúe coas labores de seguimento, diálogo institucional e de acompañamento ás partes implicadas. E que reclame ao Goberno central, así como tamén á autoridade laboral estatal competente, a máxima implicación e colaboración co obxectivo de favorecer solucións que minimicen o impacto laboral e contribúan ao mantemento da actividade industrial e do emprego na comarca do Baixo Ulla.
A fábrica de Pontecesures constitúe unha instalación industrial de referencia no sector agroalimentario galego, cun importante peso económico e laboral para a zona, ademais de representar unha actividade vinculada á transformación e valorización dun produto estratéxico para Galicia como é o leite. Os deputados populares puxeron en valor o papel do persoal da fábrica que, ao longo dos anos, contribuíu ao desenvolvemento e rendemento dunha planta que “representa unha industria consolidada e con capacidade produtiva”.