O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha iniciativa do Grupo Popular pola que se insta á Xunta de Galicia a poñer en marcha diferentes accións de concienciación e sensibilización para facer fronte ao cambio climático, implicando á cidadanía na acción climática e facendo especial fincapé na xente máis moza.
Durante o debate da iniciativa, o portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, reivindicou o “compromiso real” da Xunta de Galicia e do PPdeG na loita contra o cambio climático, fronte “ao escenario catastrofista que debuxa a oposición”.
“Galicia non é unha comunidade gris nin sen futuro. A realidade é que somos a comunidade que máis reduciu as súas emisións netas de gases de efecto invernadoiro desde 1990, cun descenso do 62%, moi por enriba da media estatal, situada no 12,6%”, destacou.
Trenor subliñou ademais que Galicia xa superou o obxectivo do 55% de redución marcado pola Unión Europea para 2030 e lembrou que a comunidade “é tamén a que máis carbono absorbe de toda España, captando unha de cada cinco toneladas de CO2”.
O deputado popular explicou que estes resultados son consecuencia “dun traballo planificado e continuado no tempo”, lembrando iniciativas impulsadas pola Xunta como a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, os Plans Rexionais Integrados de Enerxía e Clima, a Alianza Galega polo Clima, a Rede Local polo Clima ou o Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía.
GALICIA REFORZA O SEU LIDERADO CLIMÁTICO
Neste contexto, Gonzalo Trenor incidiu na importancia da sensibilización e da educación ambiental como piares fundamentais da acción climática. “A mocidade é clave para construír unha sociedade máis sostible e comprometida co medio ambiente”, afirmou.
O portavoz popular destacou programas como Inspiradores polo clima, unha iniciativa dirixida ao alumnado galego para achegar exemplos reais e innovadores de acción climática que se desenvolven en Galicia e fomentar a implicación activa da mocidade na procura de solucións fronte ao quecemento global.
Ademais, lembrou que esta iniciativa forma parte do programa Mocidade polo Clima, impulsado pola Xunta en 2024 para formar, informar e mobilizar a miles de mozos galegos de entre 3 e 35 anos a través de accións educativas, divulgativas e de participación activa.
Segundo indicou, máis de 23.700 persoas participaron xa nas distintas actuacións desenvolvidas baixo este programa, que inclúe iniciativas como MeteoEscolas, Escolas Verdes, actividades en campamentos de verán, visitas formativas e accións divulgativas en eventos musicais.
Trenor salientou tamén que Galicia continúa reforzando o seu liderado climático coa recente aprobación da primeira Lei do Clima de Galicia, unha norma pioneira que fixa o obxectivo de acadar a neutralidade climática en 2040, dez anos antes do marcado por Europa.
Finalmente, o portavoz popular asegurou que “para construír un planeta máis saudable e sostible é imprescindible combinar acción, cohesión social e sensibilización cidadá”, insistindo en que a educación ambiental e a implicación das novas xeracións “son fundamentais para deixar o mellor legado posible ás futuras xeracións”.