O PPdeG “escoitará e dará voz” ao sector gandeiro na Comisión non permanente especial de estudo sobre o prezo do leite. Así o anunciou, hoxe, o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, tras manter unha xuntanza coa cooperativa O Rodo, da que destacou “o seu labor magnífico para que a Galicia rural sexa unha Galicia con futuro”.
Tras incidir que o sector do leite “merece toda a nosa atención e o noso compromiso”, avogou por impulsar “solucións realistas e medidas útiles” que dean estabilidade ao sector e garantan a súa viabilidade. Neste senso, defendeu un modelo máis sostible, equilibrado e con garantías de futuro para as explotacións gandeiras, e por acadalo con diálogo, colaboración e consenso: “Traballar xuntos para que se poidan materializar as súas reivindicacións”.
Durante a visita á sede da cooperativa, “un referente para toda a comarca”, salientou que, ao abeiro desta comisión, se escoitará a todos os axentes implicados –produtores, organización agrarias, sindicatos, industria, expertos…- co obxectivo de seguir protexendo e defendendo un sector que é fundamental para Galicia. Para iso, abordaranse os factores que inflúen no prezo do leite, así como tamén, as dificultades para a aplicación práctica da normativa en contratación alimentaria.
Pazos, que estivo acompañado pola portavoz do PP de Rodeiro, Cati Somoza, informou de que o seguinte paso a dar, previo á súa constitución formal, será a sinatura conxunta, por todos os grupos parlamentarios, de solicitude de creación da comisión de estudo; e avanzou que, previsiblemente, a firma terá lugar a vindeira semana.
UN PIAR PARA A ECONOMÍA E O EQUILIBRIO TERRITORIAL
Tal e como remarcou Pazos, trátase dun ámbito estratéxico para Galicia, un piar indiscutible na súa economía e para o seu equilibrio territorial: “De cada dez litros que se producen no conxunto de España, practicamente, a metade ten orixe galega”.
Con máis do 42% do leite, Galicia é hoxe o principal territorio produtor de España. Representa arredor do 1,6% do PIB galego e sustenta preto de 5.000 explotacións activas, o que supón máis do 55% dos gandeiros de todo o territorio nacional. Trátase dun sector puxante e forte, o terceiro que máis riqueza xera na nosa Comunidade, polo que todas as medidas teñen que ir encamiñadas a establecer un prezo xusto e a reforzar a protección e a viabilidade das explotacións gandeiras galegas.
MEDIDAS A PROL DO SECTOR
Nesta mesma liña, o Parlamento de Galicia aprobou unha proposición non de lei do Grupo Parlamentario Popular, reclamando ao Goberno central a modificación da Lei da cadea alimentaria, a actualización do Paquete lácteo -ambas normativa estatal de obrigado cumprimento para o sector- a publicación do índice de evolución dos custes de produción de maneira periódica, a fixación dunha prórroga automáticas dos contratos en ausencia de acordo ou a promoción de medidas para evitar a competencia desleal, pola entrada de excedentes lácteos doutros países da Unión Europea, que poidan prexudicar ao sector galego. Medidas para as que se fai necesaria unha maior implicación do Executivo de Pedro Sánchez, así como unha actuación áxil para facer fronte á actual situación do sector, agravada polas consecuencias dos diferentes conflitos bélicos internacionais.