O PPdeG salientou que o esforzo inversor do Goberno galego na catedral de Santa María de Lugo é o “claro exemplo” do seu compromiso firme coa cidade. Así, a deputada do Grupo Parlamentario Popular, Cristina Sanz, puxo en valor os máis de 2,5M€ que a Xunta leva destinados ao proxecto de conservación e rehabilitación “deste gran valor patrimonial e cultural”.
Tras a finalización dos traballos de reparación e eliminación das humidades existentes na cabeceira da catedral, onde se sitúa a capela da Virxe dos Ollos Grandes; a deputada popular informou de que se avanzará coa restauración do cadeirado do coro lígneo de Francisco de Moure –cunha antigüidade de máis de 400 anos e formado por un total de 66 cadeiras-. O proxecto atópase, actualmente, en fase de licitación –o prazo para presentar ofertas vén de rematar a finais do mes de maio- e conta cun investimento superior os 285.000 euros.
Tal e como apuntaron, está pendente de licitación a rehabilitación dos espazos da panda oeste do claustro da catedral de Lugo. Unha actuación, subliñaron os deputados populares, coa que se acometerá a mellora da accesibilidade a da eficiencia enerxética, a posta en valor do espazo abovedado e a recuperación do espazo para a usos culturais. O Goberno galego prevé nestes traballos un investimento de preto de 1,8M€.
Segundo recordou Manuel Mato, este conxunto de actuacións de conservación, restauración e rehabilitación forman parte do Plan catedrais de Galicia do Goberno galego e cofinanciado polo programa Galicia FEDER 2021-2027. “O obxectivo é devolverlle todo o seu esplendor a esta xoia artística para que siga sendo un foco vivo de cultura, devoción e turismo”, finalizou.
Nesta liña, o Grupo Popular vén de rexistrar unha pregunta oral para que o Goberno galego informe de todo o traballo desenvolvido ata o momento na liña de protexer e conservar este “extraordinario testemuño da evolución da arquitectura relixiosa”.