O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, instar o Goberno central a que cree, en Toén, unha base permanente da Unidade Militar de Emerxencias.
Tras sinalar que a base de operacións da UME máis próxima a Galicia se atopa en Léon, o deputado do Grupo Popular, Ángel Rodríguez, incidiu en que contar cunha base permanente desta unidade constituiría unha cobertura eficiente e “un reforzo estratéxico de primeira orde” para a capacidade de resposta ante emerxencias para Galicia e para o noroeste peninsular. Deste xeito, remarcou que se optimizaría a capacidade de resposta fronte a emerxencias de distinta natureza: incendios forestais, inundacións, temporais, nevadas ou outras situacións de risco para a poboación.
Salientou que a localización ourensá presenta claras vantaxes operativas. Ademais da súa proximidade coas principais vías de comunicación, o que facilita unha mobilización áxil; en Toén, atópase o Centro integral de loita contra o lume, de titularidade autonómica, polo que a nova sede da UME favorecería sinerxías entre efectivos, ofrecendo máis capacidade de resposta e dilixencia ante os lumes.
Esta iniciativa vén a apoiar a solicitude formal que a Xunta fixo ao Goberno central para que Galicia conte cunha base permanente da UME. Ante a negativa do Executivo estatal de dar pasos para a súa creación, a proposición non de lei do Grupo Popular vén a reforzar a necesidade de contar cunha base de operacións no territorio galego.
A estrutura que a UME ten despregada polo territorio nacional, de 7 bases en total, a e mesma que hai máis de 20 anos, no momento da súa creación; e que o deputado popular cualificou de “insuficiente”.
A COOPERACIÓN ENTRE ADMINISTRACIÓNS
Durante a súa intervención, Ángel Rodríguez recordou o papel “esencial” que a UME tivo na vaga de incendios do ano pasado, tanto nos traballos de extinción como de control dos lumes, en coordinación permanente co Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Xunta de Galicia e demais operativos de emerxencia da Comunidade.
“Dado que os lumes apuntan a ser máis complexos”, dixo, motivados por condicións meteorolóxicas adversas, marcadas por temperaturas extremas, fortes ventos cambiantes e un período prolongado de seca; requírense de novas iniciativas para combatelos. Así, incidiu en seguir afondando na cooperación entre administracións, co obxectivo de ser máis áxiles no despregue de medios e efectivos, e na optimización dos recursos públicos.
Neste contexto, a proximidade dunha base da UME permitiría reducir de forma substancial os tempos de mobilización de medios especializados, actuando nas fases iniciais do incenso, que son, dixo, “determinantes para evitar a súa evolución a grandes incendios forestais”.