O PPdeG aproveitou a celebración do VIII Festival do Viño da Ribeira Sacra, que se celebra en Monforte de Lemos, para reafirmar o compromiso do Goberno galego cos produtores locais e coa protección dun modelo vitivinícola único no mundo.
“A gran cita vitivinícola desta fin de semana convértese no mellor escenario para poñer en valor as políticas de feitos da Xunta de Galicia, que vén de blindar o traballo do sector cun investimento de máis de 1,5 M€”, salientou a deputada do Grupo Parlamentario Popular e portavoz local, Katherine Varela, ao referirse ás axudas para a conservación paisaxística e a loita contra a erosión que beneficiarán a un total de 728 viticultores desta denominación de orixe. “O Goberno galego cumpre co agro galego”, engadiu.
Os populares lembran que as axudas chegan ata os 2.000 euros por hectárea para o cultivo tradicional en socalcos de pedra e ata os 1.000 euros para as zonas mecanizadas. Esta medida, tal e como apuntou, busca compensar as dificultades dunha orografía que require un coidado artesanal e que grazas a estas axudas evita o abandono e o despoboamento do rural, garantindo o relevo xeracional na comarca.
Pola súa banda, Encarna Amigo incidiu en que o coidado do territorio e a protección do patrimonio cultural e natural é “a mellor estratexia para impulsar a economía de toda a contorna”.
Para as parlamentarias populares, que estiveron acompañadas polo deputado nacional, Francisco Conde, e a deputada autonómica, Raquel Arias; o festival a carón do río Cabe supón un punto de encontro estratéxico onde o viño e os produtos gastronómicos da zona actúan como o mellor imán para o turismo de calidade. “O dinamismo que vivirá Monforte de Lemos esta fin de semana demostra que a Ribeira Sacra é unha contorna viva, con futuro e cun enorme potencial de crecemento”, salientou Katherine Varela, quen puxo en valor o éxito das 27 adegas participantes, de distintos puntos da contorna, que forman parte da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.