O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, salientou que, mentres o PPdeG goberne na Xunta, “nin imos ceder a chantaxe económica de Pedro Sánchez nin imos tirar a Galicia polo barranco do cupo económico de Ana Pontón”.
Durante a súa intervención, hoxe, no Parlamento de Galicia, asegurou que o Goberno de Alfonso Rueda seguirá traballando, negociando e formulando alternativas “xustas, suficientes e viables” para que todos os cidadáns deste país teñan os mesmo dereitos e as mesmas obrigas vivan onde vivan. E afeou que os nacionalistas galegos, ante “a inxustiza” do financiamento económico que formula o Executivo central, propoña como única saída “saltar ao abismo dun concerto económico ruinoso para Galicia”.
O portavoz popular avogou, tal e como solicitou de forma reiterada o responsable da área de Facenda do Goberno galego, pola retirada da actual proposta de financiación e elaborar unha nova na que se teñan en conta as singularidades de Galicia. Ao tempo que incidiu na necesidade de articular ese modelo en torno ao custe real de prestación de servizos, e non en base á capacidade de recadación dos territorios que sería, explicou, un criterio “ruinoso para Galicia”.
Así, Pazos considerou unha inxustiza que se impoña “o capricho insolidario” dunha soa comunidade á vontade real de negociar das outras 14; que é a mesma que impón o criterio de reparto e o modelo de negociación: “Queremos negociar, pero nun foro no que esteamos representadas todas en pé de igualdade”. “Non aceptamos que se nos acuse de rexeitar o diálogo –engadiu-, simplemente, por rexeitar a chantaxe do independentismo catalán ao señor Sánchez”.
Para rematar, dixo “desconfiar” das reunións bilaterais que propón o BNG e remitiuse aos antecedentes prexudiciais para Galicia, como a condonación da débeda ou a transferencia da AP-9: “A bilateralidade que defenden supúxolle a Galicia unha condonación de débeda inxusta, unha transferencia da AP-9 en condicións inxustas e, agora, un modelo de financiación absolutamente inxusto”.