Os deputados do Grupo Popular, Noelia Pérez e Argimiro Marnotes, visitaron, hoxe, as instalacións do Centro de Reeducación Monteledo, en Ourense.
No marco dunha visita institucional da Comisión 5ª, os populares comprobaron o resultado das obras de reforma nas que o Goberno galego investiu máis de 1,2 M€. “Esta importante dotación económica –salientou Noelia Pérez- permitiu renovar varios dos fogares do complexo, mellorando de forma notable a comodidade dos usuarios e optimizando os espazos”.
O Centro de Reeducación Monteledo conta cunha capacidade máxima de 37 prazas e atende na actualidade a 13 usuarios. Trátase dun servizo esencial que funciona as 24 horas do día e os 365 días do ano, sostido por un amplo equipo humano que inclúe persoal de administración, mantemento, cociña, sanitarios e, de xeito moi destacado, preto de 40 profesionais educadores que guían o día a día dos menores.
Na visita incidiuse en que o labor de Monteledo vai moito máis alá do internamento. “O centro desenvolve unha intervención socioeducativa integral con cada rapaz, deseñada por especialistas para preparalos de cara á súa saída, unha vez cumprida a medida xudicial imposta”, sinalou Argimiro Marnotes. Para acadar este obxectivo, o complexo conta con aulas de aprendizaxe e espazos específicos de intervención.
Así mesmo, os deputados visitaron a ampla zona exterior onde se desenvolven obradoiros de emprego, a través do programa INSERGAL, unha iniciativa financiada con fondos europeos que resulta clave para ofrecer aos mozos e mozas ferramentas reais de inserción laboral. O Centro de Reeducación Monteledo é un dos catro centros públicos de reeducación que existen na Comunidade.
OS BOS INDICADORES DE GALICIA
Durante o percorrido polas instalacións, os populares puxeron en valor o modelo galego no eido da xustiza xuvenil. E é que, tal e como apuntaron, Galicia mantense como unha das comunidades autónomas con menor taxa de medidas xudiciais impostas a persoas menores de idade.
Así o corroboran as estatísticas oficiais do Goberno de España. De feito, no último ano con datos publicados (2024), Galicia situouse como a cuarta comunidade coas cifras máis baixas de medidas xudiciais notificadas polos xulgados de menores. Os representantes parlamentarios coincidiron en que estes indicadores son moi positivos, xa que “demostran o bo traballo que se realiza en Galicia a todos os niveis para previr e evitar que a mocidade cometa delitos”.