O PPdeG reivindicou o compromiso do Goberno galego coa cría e conservación das razas autóctonas galegas.
Durante unha visita á explotación gandeira Balín, en Verea, os deputados do Grupo Parlamentario Popular Cristina Campero e Miguel Viso puideron coñecer de primeira man o traballo a prol da cría de gando vacún da raza autóctona Limiá. E aproveitaron para enxalzar as axudas que o Goberno galego destina ao fomento e recría das razas autóctonas de ruminantes ameazadas, e que ten como obxectivo apoiar ás explotacións que apostan pola preservación do patrimonio xenético galego e contribuír á sustentabilidade e ao desenvolvemento do rural.
Neste senso, informaron de que a convocatoria deste ano está dotada de 390.000 euros, dos que 350.000 euros destínanse ás explotacións de gando bovino e 40.000 euros ás de ovino e caprino. Ademais, cada explotación pode recibir ata un máximo de 15.000 euros, unha contía que permite seguir impulsando a recría de femias e machos das razas autóctonas galegas ameazadas e reforzar a viabilidade destas explotacións.
AXUDAS QUE SE TRADUCEN EN OPORTUNIDADES PARA O RURAL
Para a deputada popular Cristina Campero, estas axudas son “unha mostra do compromiso real e con feitos” da Xunta co sector gandeiro e coas persoas que, cada día, traballan para conservan un patrimonio que é de todos os galegos”. Porque, segundo dixo, apoiar a recría das razas autóctonas significa investir en biodiversidade, en sustentabilidade e, tamén, en oportunidades para o noso rural”. “As explotacións que apostan polas nosas razas autóctonas –engadiu a deputada popular- contribúen a preservar o territorio, a manter vivo o noso rural e a producir alimentos de máxima calidade; ao tempo que facilitan a competitividade das explotacións”.
Pola súa banda, o deputado Miguel Viso remarcou que “a verdadeira defensa do rural faise con política útiles”, a través de recursos que chegan directamente aos nosos gandeiros e que buscan favorecer a remuda xeracional e aseguran o futuro dun modelo produtivo ligado ao territorio. No caso das axudas para cría e conservación das razas autóctonas galegas, dixo que preservan un patrimonio xenético único “que son un factor diferenciador de Galicia e achega un importante valor engadido ás producións gandeiras”.
MÁIS MODERNIZACIÓN, RENDIBILIDADE E RELEVO XERACIONAL
Durante a visita, Cristina Campero e Miguel Viso interesáronse pola situación do sector e intercambiaron impresións cos responsables sobre os retos aos que se enfrontan as explotacións dedicadas ás razas autóctonas, coincidindo na importancia de continuar impulsando políticas que favorezan a modernización, a rendibilidade e a remuda xeracional.
Os deputados populares concluíron reiterando que o futuro do rural pasa por apoiar aos gandeiros que apostan pola calidade, pola sustentabilidade e pola conservación das nosas razas autóctonas. Así, incidiron no compromiso da Xunta para continuar sendo un aliado do sector primario, impulsando medidas que reforcen a súa competitividade e contribúan a fixar poboación no territorio.