A portavoz de Política Social do Grupo Parlamentario Popular, Raquel Arias, e a deputada autonómica e voceira do PP de Monforte, Katherine Varela, puxeron en valor o programa Emega, da Consellería de Política Social e Igualdade, como “unha valiosa ferramenta á hora de contribuír desde a Administración ao emprendemento feminino”.
Durante un encontro con Leticia Vila, propietaria de BEL Optometría, en Monforte de Lemos, e beneficiaria deste programa en 2025 na modalidade Emerxe, as parlamentarias destacaron que o programa Emega busca “facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres; favorecendo a conciliación da vida persoal, familiar e laboral; e prestando especial atención ás mulleres que emprenden no rural, ás maiores de 55 anos e a aquelas que desenvolven a súa actividade en sectores masculinizados”.
Leticia Vila é unha das 47 mulleres que resultaron beneficiarias do programa Emega na provincia de Lugo na anterior convocatoria, por un importe total de 537.000 euros. No caso concreto da comarca de Lemos, foron seis beneficiarias, por un importe total de 64.000 euros.
MÁIS DE 350 PROXECTOS EN TODA GALICIA
O Goberno galego destina 5 millóns de euros a estas achegas, coas que se estima que se subvencionarán máis de 350 proxectos empresariais liderados por mulleres e incentivarán a creación de máis de 600 empregos.
Na convocatoria deste ano mantéñense as catro modalidades de axuda de edicións anteriores: Emerxe, con contías de ata 22.000 euros, para novas iniciativas empresariais e creación de emprego feminino estable; Impulsa, con ata 17.000 euros, e dirixidas a favorecer a reactivación e consolidación de empresas constituídas por mulleres; Innova, con ata 42.000 euros, para iniciativas con contido científico ou base tecnolóxica; e Concilia, unha axuda complementaria das anteriores de ata 5.000 euros para promover a conciliación das emprendedoras e das traballadoras.