A través dunha proposición non de lei do Grupo Parlamentario Popular, o Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, por unanimidade solicitar á Xunta de Galicia o cambio do proxecto de ampliación dos atraques de pasaxe no porto de Cangas pola reforma urxente das casetas de mariñeiros, as cales presentan graves problemas funcionais e de deseño.
Durante a súa intervención na Comisión 8ª, a deputada do Grupo Parlamentario Popular e portavoz local, Dolores Hermelo, explicou que, tal e como trasladan os propios usuarios, o servizo de pasaxe está sendo prestado cunha frecuencia axeitada, sendo moi satisfactorio coas instalacións actuais e non existindo polo tanto a necesidade de ampliación dos atraques existentes. Asemade, advertiu de que esta obra suporía a invasión parcial dunha zona de sementeira de ameixa, afectando moi negativamente á actividade marisqueira da zona.
Pola contra, fixo fincapé na demanda social, amplamente compartida no municipio de Cangas, así como formulada de forma reiterada pola confraría de pescadores, para acometer de maneira urxente a substitución das actuais casetas dos mariñeiros situadas no porto pesqueiro.
Neste punto, referiuse a problemas de contaminación sonora, derivados do deseño das casetas en forma de gaiola, que ocasiona que o vento produza un asubío constante e moi molesto que afecta tanto aos profesionais como aos veciños do centro urbano. Así mesmo, fixo fincapé nos graves problemas de illamento das cubertas, que fan inoperativas as casetas en varios puntos, sumado a un deseño pouco funcional con espazos infrautilizados, ademais de facer de barreira visual entre a vila e o seu litoral.
Para o Grupo Popular, esta substitución non só mellorará radicalmente as condicións laborais dos profesionais do mar, senón que potenciará a integración porto-vila e eliminará un problema ambiental e urbanístico nunha zona de gran afluencia cidadá.
Para levar a cabo estes traballos de mellora, a iniciativa avoga por destinar os 1,5 M€ previstos para o proxecto de ampliación dos atraques de pasaxe á reforma das casetas.