O Parlamento de Galicia vén de aprobar, coa abstención do BNG, unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular na que insta ao Goberno central a que habilite todas as estancias do Pazo de Meirás, incluíndo as súas torres e a biblioteca persoal de Emilia Pardo Bazán, ás visitas públicas e gratuítas.
O deputado popular José Luis Ferro afeou que o Executivo de Pedro Sánchez estea a incumprir a lexislación vixente en materia de patrimonio cultural. E lembrou que tanto o inmoble como a biblioteca da escritora, situada na coñecida como Torre da Quimera e que custodia arredor de 3.000 volumes, contan coa máxima protección como Ben de Interese Cultural (BIC).
Ferro subliñou que “a protección do patrimonio non consiste simplemente en poñerlle una etiqueta administrativa a un edificio ou a unha colección, significa garantir o seu coñecemento, o seu desfrute e a súa transmisión ás xeracións futuras”. Neste senso, explicou que, de acordo co disposto na normativa de patrimonio cultural, a declaración de BIC leva aparellada a obriga legal de permitir o acceso público gratuíto por parte do propietario.
Malia esta esixencia, e tal e como remarcou o deputado popular, o Estado, actual propietario do pazo, restrinxe as visitas unicamente aos espazos exteriores, á capela e ao vestíbulo do edificio principal; polo que, con esta situación, impídese o acceso cidadán ás torres e ao legado bibliográfico da intelectual galega.
O parlamentario insistiu en que, “se recoñecemos legalmente o valor excepcional dun ben, logo temos que ser capaces de garantir o acceso público que a lei contempla” e subliñou que “non debemos converter o patrimonio en trincheira política, porque podemos ter distintas sensibilidades pero hai algo que debe unirnos, a defensa do patrimonio cultural de Galicia, co fin de mirar cara ao futuro para garantir que o patrimonio se conserve e se poida coñecer”.
Durante a súa intervención, Ferro fixo fincapé na necesidade de que o Goberno central non faga excepcións coas súas propias obrigas e garanta a apertura total dun complexo cuxo valor histórico e literario pertence a toda a cidadanía, respectando así o réxime de visitas que dita a lei para os bens protexidos.
O popular destacou que “Meirás é historia da ausencia de liberdades e tamén de historia da creación literaria de Emilio Pardo Bazán, que concibiu este lugar nun espazo de liberdade intelectual, polo que o Pazo de Meirás debe ser un espazo aberto á cidadanía”.
E dixo, tamén, que, debido ao estado no que se atopan moitas das estancias deste inmoble, “o Goberno central debe comprometerse a realizar os investimentos necesarios e, así, poder abrir os espazos progresivamente”. Finalmente, lembrou que “a Xunta está traballando na elaboración dun Plan director de usos que abranga a totalidade da historia do Pazo de Meirás” e engadiu que ”Meirás debe poder ser coñecido, visitado e estudado por todos os galegos e por todos os que nos visitan”.