“Trasládase á Cámara un acordo transversal que recolle a sensibilidade dunha ampla maioría social e política para seguir avanzando da man desde a moderación e o entendemento na protección e fomento da nosa lingua”, sinalou, hoxe, o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, ao anunciar a inclusión na orde do día do vindeiro pleno o documento de actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
Tras apuntar que o texto é “o froito dun traballo rigoroso, elaborado escoitando á rúa” –con 11 comisións de traballo, máis de 130 expertos implicados, 400 contactos con entidades e 1.400 achegas recollidas-, Pazos remarcou que o Grupo Popular asumiu ese mandato co fin de “converter a sintonía social nun gran pacto político”. “E fixémolo –engadiu- apostando polo diálogo, o consenso e a vontade rela de escoita cos demais grupos”.
Neste punto, puxo en valor a sinatura do acordo co PSdeG e o apoio de Democracia Ourensana a un texto que “avanza con paso firme no Parlamento” e que, tras o aval parlamentario, será a folla de ruta que vai marcar a política lingüística da vindeira década. “Galicia pediunos estabilidade, moderación e entendemento, e iso é o que lle estamos a dar”, apuntou.
A VIVENDA, A PRIORIDADE DO PPDEG
O Grupo Popular presentará, ademais, unha batería de iniciativas centradas na vivenda. En primeiro lugar, informou dunha proposición non de lei na que se lle esixe ao Goberno de España “un incremento substancial dos recursos”, porque, tal e como dixo, “con parches” non se van solucionar os problemas da xente.
Neste senso, o portavoz cualificou de “absolutamente ridícula” a achega de 5,11 M€ anunciada polo Executivo de Pedro Sánchez para as zonas tensionadas da Coruña e Santiago, advertindo que dita cantidade “non chega nin para financiar 30 vivendas públicas”. Así, demandou criterios obxectivos e equitativos na repartición de fondos estatais, premiando ás administracións que, como a galega, están a facer un esforzo investidor histórico.
Seguindo con este bloque, os populares presentarán unha segunda iniciativa para reclamar a corrección inmediata do portal web Casa 47, ao que o portavoz popular cualificou de “engano e chapuza de enormes dimensións” por presentar prezos inflados, falta de transparencia legal e unha oferta ridícula de só 99 vivendas para toda Galicia. Fronte a este modelo, contrapuxo que a Xunta responde con feitos a través das máis de 4.000 novas vivendas de promoción pública en marcha.
Así mesmo, formularase unha pregunta oral sobre os efectos da declaración da Coruña como zona tensionada tras un ano de vigor, denunciando que “esnaquizou a oferta” cunha redución de máis do 52% no alugueiro residencial ao desviar os inmobles cara ao alugueiro temporal pola inseguridade xurídica.
AS “GRAVES CONSECUENCIAS” DO ESTATUTO MARCO
O Grupo Popular formulará dúas preguntas orais relativas á sanidade e aos servizos sociais. No eido sanitario, unha sobre as “graves consecuencias” da reforma do Estatuto Marco aprobada polo Goberno central; e, no eido social, sobre a reforma estatal das leis de dependencia e discapacidade aprobada polo Congreso. O representante popular censurou que dita reforma represente unha nova oportunidade perdida e fixo referencia ao “severo recorte do financiamento da dependencia en Galicia”.
PROXECTO DE LEI CONTRA A VIOLENCIA DIXITAL
Para rematar, avanzou que no vindeiro Pleno abordarase o inicio da tramitación dunha norma pioneira: o proxecto da Lei de medidas integrais contra o acoso e a violencia dixital de Galicia. O representante popular subliñou que se trata da “primeira lei de toda España neste eido”, deseñada para afrontar as novas formas de violencia xurdidas a través de internet e das redes sociais