O PPdeG impulsou, hoxe, a través dunha iniciativa no Parlamento de Galicia, o recoñecemento ao éxito histórico dos combinados masculino e feminino da Selección Española de Fútbol pola consecución do Campionato do Mundo.
O deputado do Grupo Parlamentario Popular e portavoz da área de Deportes Argimiro Marnotes incidiu en que se trata dun “logro inédito” para o fútbol español, recoñecido pola propia FIFA, ao sumar o recente Campionato do Mundo masculino ao título mundial acadado pola Selección Española feminina en 2023, convertendo a España no primeiro país en reunir simultaneamente ambos os dous campionatos absolutos. Así, puxo en valor que este fito acredita “a excelencia do noso fútbol e o traballo desenvolvido durante anos por xogadores, xogadoras, equipos técnicos e estruturas deportivas”.
Neste senso, aproveitou para subliñar que este triunfo constitúe un motivo de especial orgullo para Galicia, que estivo representada no combinado nacional por deportistas e profesionais que contribuíron de maneira decisiva a este éxito histórico.
Durante a súa intervención, defendeu que os grandes éxitos deportivos pertencen ao conxunto da sociedade e que son unha oportunidade para compartir desde a pluralidade, e que transcenden ás diferenzas ideolóxicas ou territoriais. Coa aprobación desta proposta búscase consolidar o deporte como “un espazo de encontro e respecto mutuo, evitando que sexa utilizado como un instrumento de división”. “Hai unha liña –continuou- que non deberiamos permitir que se cruce nunca: a de impedir, intimidar ou agredir a unha persoa simplemente porque leva unha camiseta, porque porta unha bandeira ou porque celebra pacificamente un resultado deportivo”.
Porén, o deputado popular lamentou que, malia o comportamento exemplar da inmensa maioría da cidadanía nas rúas, determinados colectivos optasen por desmarcarse deste sentimento e que se rexistrasen actos de intolerancia, agresións e incidentes vandálicos nalgúns puntos de España contra persoas que celebraban o éxito deportivo.
“Chamou a atención –apuntou- que algo tan normal como ver unha final, animar unha selección española ou celebrar unha vitoria puidese acabar envolto en polémicas”. Tal e como salientou, estes feitos son incompatibles cunha sociedade democrática e non poden empañar unha vitoria que pertence a todos.
A través desta iniciativa, os populares poñen de manifesto o orgullo por unha vitoria que representa os valores da excelencia e a convivencia, así como a expresan o seu máis “firme rexeitamento” a calquera acto de violencia, intimidación ou vandalismo producido con motivo deste tipo de celebracións, reiterando o compromiso firme de Galicia coa liberdade e o respecto: “Non estamos pedindo que todo o mundo celebre; non estamos pedindo que todo o mundo sinta o mesmo. Estamos defendendo que quen queira celebralo poida facelo libremente e sen medo”.