A presidenta do Partido Popular de Vigo, Luisa Sánchez, destacou a aposta da Xunta de Galicia pola recuperación da ETEA, materializada na consignación de 11,72 millóns de euros nos orzamentos autonómicos do 2027 para continuar coa urbanización dos distintos ámbitos e para construción do novo Centro de Investigacións Mariñas no edificio Siemens. “Comprobamos que o Goberno galego reafirma o seu compromiso con Vigo, apostando pola ETEA, e tamén por seguir construíndo máis vivenda e reforzando as partidas en educación, coa construción do IES Domingo Villar en Navia, en sanidade, infraestruturas ou política social”, apuntou.
Durante unha comparecencia ante os medios de comunicación na Praza de Armas da ETEA, a líder local do PP subliñou a contía histórica destinada a Vigo polo Executivo autonómico nos orzamentos do vindeiro ano.
Entre eles, destacou a firme aposta do Executivo pola “recuperación” da ETEA, que se ratifica coa consignación de 5,6 millóns de euros para rematar a urbanización do ámbito PS-6 (2,55 M€) –no que se edificará posteriormente a residencia de maiores comprometida pola Fundación Amancio Ortega– e para a urbanización do ámbito PS-1 (3,1M€), que afecta aos viais e á Praza de Armas. A esta cantidade se suman outros 6,12 millóns de euros para la construción do novo Centro de Investigacións Mariñas (CIM) no edificio Siemens, unha dotación integrada dentro do plan de Infraestruturas Universitarias da Consellería de Educación.
“É un impulso á reordenación deste lugar e un novo motivo de orgullo para os veciños de Teis xa que este é un proxecto largamente agardado por Vigo dende que fai case 18 anos o Goberno cedeu os terreos para abrilos á cidadanía e erixir neles o Campus do Mar”, lembrou.
“Hai orzamento, hai vontade e tamén existe xa un convenio firmado, dende o pasado mes de febreiro, para poñerse a traballar”, destacou Luisa Sánchez, que fixo referencia á “foto paripé” protagonizada entón por Abel Caballero, David Regades e o entón reitor da Universidade de Vigo, sen que estivese invitada a conselleira de Infraestruturas, que firmou de forma telemática.
Dende entón, o desenvolvemento do PS-1, para o que a Xunta comprometeu 10 millóns de euros, segue bloqueado por parte de Caballero, sendo “un máis dos moitos proxectos paralizados por un alcalde que pensa máis en si mesmo e no seu interese electoralista que na súa cidade”, lamentou.
APOSTA POR SEGUIR LIDERANDO A CONSTRUCION DE VIVENDA
A presidenta local do PP celebrou que os orzamentos da Xunta ratifican a súa vontade de seguir liderando a construción en materia de vivenda, cunha consignación de 96 millóns de euros para Vigo, o que supón “o maior investimento en vivenda nunha cidade galega para o vindeiro ano”. Desa contía, 76,28 son para continuar erixindo vivendas de promoción pública (un 23,7 máis que este ano) e 7,4 son para o desenvolvemento de solo residencial para vivenda protexida.
Ademais do impulso á vivenda, o compromiso da Xunta cos grandes proxectos de Vigo demóstrase cunha partida de 1,5 millóns de euros para as obras de reforma do Teatro Fraga, 300.000 euros para cofinanciar o túnel de Elduayen, 300.000 euros para as novas pistas de atletismo de Balaídos e os 14,35 millóns para seguir levantando o IES Domingo Villar, en Navia, que é o primeiro centro educativo de Galicia construído integramente baixo o plan de nova arquitectura pedagóxica.
A aposta pola educación refléxase tamén na contía de 1,5 millóns de euros para rehabilitar o colexio Vicente Risco, mentres que no ámbito da sanidade reformaranse as Urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro (1,6M€), haberá melloras no hospital Meixoeiro (2,4M€), a reforma da unidade Maxilofacial (1,01M€) ou a obra da Unidade de Reprodución Asistida (1,01M€), entre outros.