A candidata á Alcaldía e portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular de Ourense, Ana Méndez Gil, fai unha valoración “moi positiva” dos Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2027, que recollen unha cifra global de 399,11 millóns de euros para a cidade, un 8,76 % máis que no exercicio anterior.
A candidata popular destaca tamén que Ourense é a provincia galega con maior investimento por habitante nos Orzamentos da Xunta para 2027, un dato que considera especialmente relevante e que, na súa opinión, pon de manifesto a atención que o Goberno autonómico presta ás necesidades do territorio.
Neste sentido, Méndez Gil considera que estas contas reflicten a continuidade dos compromisos do Goberno galego con Ourense e destaca tanto os recursos destinados a proxectos xa iniciados como as novas actuacións previstas en diferentes ámbitos.
“Estes orzamentos son unha mostra do compromiso de Alfonso Rueda e do seu Goberno coa nosa cidade. Valoramos moi positivamente que Ourense siga contando con investimentos en ámbitos fundamentais para o seu presente e o seu futuro, como a sanidade, a vivenda, a educación, a atención aos nosos maiores e as infraestruturas”, sinala a portavoz popular.
Entre as principais previsións destacan os 27 millóns de euros destinados ás obras e ao equipamento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, coa previsión de finalizar en 2027 o novo edificio de hospitalización. En materia de vivenda, recóllense máis de 4,9 millóns de euros para rematar o edificio de vivenda protexida de Cambedo de Raia e máis de 2 millóns de euros para o
desenvolvemento de solo residencial destinado a vivenda protexida na zona do Vinteún.
No ámbito social, a candidata fai fincapé na previsión de poñer en funcionamento en 2027 a nova residencia de maiores impulsada pola Fundación Amancio Ortega, que contará con 120 prazas, así como nos recursos destinados á atención á dependencia, ao Servizo de Axuda no Fogar e á conciliación das familias.
“Detrás destas cifras hai actuacións que repercuten directamente na vida dos ourensáns. Falamos de mellorar a atención sanitaria, facilitar o acceso á vivenda, reforzar os coidados dos nosos maiores e o apoio ás familias, e seguir creando oportunidades na nosa cidade”, afirma Ana Méndez Gil.
No ámbito das infraestruturas, a voceira destaca tamén os 2,5 millóns de euros destinados á ronda Leste de Ourense, concretamente ao treito Bemposta–N-525, unha partida que se incrementa un 66 % respecto ao exercicio anterior. A maiores, os orzamentos contemplan un millón de euros para o viario de acceso ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).
Por último, a portavoz e candiata popular salienta as partidas destinadas á mellora das comunicacións, á rehabilitación de centros educativos, ao apoio á actividade económica, á mobilidade, ao deporte e á conservación do patrimonio cultural.
“Cada ano o Goberno galego cumpre con Ourense nos seus orzamentos. Temos claro que as actuacións previstas continuarán avanzando e que os investimentos se traducirán en melloras reais para os veciños e veciñas da nosa cidade”, conclúe.