O Partido Popular de Galicia reafirmouse como o “motor do cambio” para que Alberto Núñez Feijóo chegue á presidencia do Goberno de España. “A 40 días das Eleccións Xerais, Galicia ten que ser clave para comezar unha nova etapa da man do PP en España”, remarcou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, hoxe no Porto da Coruña xunto co portavoz e vicesecretario de Cultura e Deporte do Partido Popular, Borja Sémper, e o portavoz e presidente do PP da Coruña, Miguel Lorenzo. Con este encontro, os populares coruñeses aproveitaron para dar a coñecer ao dirixente nacional o proxecto da fachada marítima como dinamizador cultural, como por exemplo, as exposicións da Fundación MOP.
A número dous dos populares galegos insistiu en que Galicia ten que traballar arreo de cara ao 29N. Primeiro, “porque Alberto Núñez Feijóo o merece”, recordando que foi presidente da Xunta moitos anos, “sabe o que é estar á fronte dun goberno serio e rigoroso e porque afrontou o reto que supón dar a batalla a Sánchez”. E segundo, “Galicia merece algo mellor, un trato xusto”, dixo confiando no “proxecto do Partido Popular, que nos colocará onde debemos estar”, con mellores infraestruturas, servizos, máis colaboración e, “en definitiva, atender todos os asuntos pendentes que temos co Goberno central”.
Ademais, “o Goberno de Sánchez leva causado moito dano a Galicia”. Paula Prado asegura que “o sanchismo castiga o noso territorio constantemente con recortes en numerosos eidos” como infraestruturas, dependencia ou vivenda, entre outros, e por iso esta cita electoral “é tan importante, porque temos a oportunidade de deixar atrás os recortes a Galicia e elixir entre decencia ou delincuencia”. “Nós témolo claro: eliximos decencia”.
Desta situación tamén é cómplice, sinala, o BNG. “Din defender a Galicia e o único que defenden son os seus intereses partidistas”, definindo aos independentistas e nacionalistas galegos como os do “non a Galicia e si a Sánchez a cambio de nada”. “Se quixeran de verdade a Galicia romperían de pleno co sanchismo, pero a realidade é que o seu amor por Galicia non é real, sendo moi bravos aquí e moi mansos en Madrid”, incide. A solución para rematar con esta situación pasa por impulsar a Feijóo á Presidencia e sacar da Moncloa a Sánchez e aos seus socios.
Neste sentido, Prado lamentou que a socialista Inés Rey sexa “desas alcaldesas que miran máis polo sanchismo que polos coruñeses”. “No PPdeG somos de ofrecerlle aos galegos e galegas os mellores gobernos”, explicou a secretaria xeral sobre a importancia de poñer fin ao Goberno de Sánchez, pero tamén aos dos alcaldes que miran cara outro lado e non se preocupan das necesidades reais da cidadanía. Por iso, está segura de que Miguel Lorenzo, co seu proxecto, será en maio de 2027 o próximo alcalde da cidade para devolverlle todo o que lle quita o Goberno socialista.
MIGUEL LORENZO: “A CIDADE NECESITA OUTRA FORMA DE GOBERNAR”
Pola súa parte, o portavoz e presidente do PP da cidade da Coruña insistiu en que para impulsar os grandes proxectos de cidade é necesaria “a colaboración entre todas as administracións”, pero na Coruña “temos un goberno municipal de Inés Rey que non sabe xestionar e a quen abandonou ata os seus socios”, e un goberno estatal que “non cumpriu nada do que nos prometeu Pedro Sánchez”. Afirma que Pedro Sánchez “non fixo ningunha vivenda, non fixo os accesos por estrada, non hai estación de tren nin alta velocidade real e non hai ampliación de Alvedro nin melloras para a aterraxe”
Neste sentido, contrapón o modelo do Goberno central co do Goberno galego, a “única Administración que inviste na cidade”, como reflicten os 260 M€ na Coruña en 2027, un 80% máis que os de 2026, para construír vivendas, seguir facendo o novo hospital, coidar á infancia e mocidade, así como aos máis maiores ou para mellorar a mobilidade.
Lorenzo lamenta que Inés Rey “non inaugurará ningunha obra do Estado na cidade nos seus 8 anos de goberno co seu silencio cómplice e o do BNG e non podemos seguir así”. “Os coruñeses e os españois” falarán o 29 de novembro e “estou seguro” que apostarán por Alberto Núñez Feijóo e o Partido Popular “para mirar o futuro con ilusión”.
“A Coruña necesita outra forma de gobernar en María Pita que que achegue solucións aos seus problemas como vivenda, mobilidade, seguridade, limpeza, etc.”, engade, facendo fincapé en que tamén é preciso o cambio “en Moncloa da man de Alberto Núñez Feijóo, “que coñece de primeira man as necesidades da cidade, que achegará solucións aos problemas dos coruñeses porque xa demostrou que inviste na nosa cidade e en quen podo confiar na súa palabra e na súa honradez”.
BORJA SÉMPER: “O PP OCUPARASE DOS PROBLEMAS REAIS DA CIDADANÍA CON DETERMINACIÓN”
O popular Borja Sémper puxo en valor o traballo do PPdeG e do Goberno galego, afirmando que intenta “aprender de Galicia, porque é unha referencia para todo o PP nacional, pola súa maneira transversal de entender a sociedade”. Neste sentido, afirmou que España “precisa parecerse a esta xestión”, recordando que Alberto Núñez Feijóo onte firmou un contrato cos españois, co obxectivo de recuperar “o valor da palabra dada”. “O que se di vaise facer , e en Galicia sábeno porque no 2019 se fixo e tivo o respaldo dos galegos”, engadiu.
O portavoz do Partido Popular destacou que de todas as anomalías que levamos vivido ao longo destes oito anos, ademais de poder criticalas, tamén “nos levamos unha aprendizaxe, do que supón cando un político en lugar de unir aos españois, os divide e levantan muros entre persoas que pensan diferente”. “Estamos ante un Goberno que se preocupa máis dos problemas dos políticos que dos dos españois, e isto non pode ser”, dixo Sémper, reafirmando que o PP “se ocupará dos problemas reais da cidadanía con determinación”.