“Galicia sabe o que necesita o sector; o único que falta é a vontade política do Goberno central para cooperar e ir na mesma dirección que agricultores, gandeiros e pescadores”, sinalou hoxe o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, ao anunciar a presentación dunha iniciativa no vindeiro pleno para esixirlle ao Executivo de España unha resposta inmediata ante o incremento insostible dos custos de produción que afecta ao agro e ao mar.
Neste senso, e tras lembrar que a Unión Europea permite compensar ata o 70% dos custos adicionais de gasóleo, criticou a medida do Executivo central de autoimpoñer un límite de 0,20 euros por litro, o que impide aproveitar plenamente o apoio autorizado por Bruxelas. Por iso, a iniciativa dos populares avoga por eliminar ese tope e actualizar as axudas. Do mesmo xeito, pediu a actualización á alza das axudas aos fertilizantes para cubrir o 70% do impacto real nas explotacións.
Asemade, o PPdeG reclama substituír o actual sistema de tramitación por un mecanismo áxil de pagamento que evite que sexan os profesionais os que adianten os cartos do seu propio peto: “Porque non é de recibo que sexan os agricultores, gandeiros e pescadores os que teñan que adiantar os cartos para financiar medidas que o Estado tarda en devolver unha eternidade”. Instou, tamén, ao Estado a establecer unha coordinación previa coas comunidades autónomas para “non poñer en risco” a compatibilidade de fondos tan cruciais como o FEMPA no ámbito pesqueiro.
UN MODELO DE VIVENDA PENSADO NAS CLASES MEDIAS
O Grupo Popular defenderá unha segunda iniciativa para poñer en valor as medidas estratéxicas da Xunta destinadas a mitigar a crise da vivenda. Fronte a unha Lei estatal de vivenda que cualificou de “fracaso absoluto”, o portavoz contrapuxo o modelo da Xunta, que traballa con eficacia en múltiples frontes: “Máis obras en marcha, menos impostos, menos burocracia e medidas pioneiras para recuperar locais comerciais”.
Neste eido, Pazos subliñou o incremento do limiar máximo de renda ata 4 veces o IPREM –4,5 para familias numerosas-, o que permitirá o acceso á vivenda protexida á maioría social. Destacou, tamén, a nova reserva específica do 30% das vivendas públicas en venda para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos pequenos: “Galicia avanza na boa dirección cun modelo que funciona fronte ao intervencionismo asfixiante e inútil do Goberno central”.
DEFENSA DO SECTOR MAR-INDUSTRIA
Doutra banda, o portavoz popular avanzou unha pregunta oral para avaliar as accións do Goberno de España na defensa da industria conserveira galega ante as negociacións do Acordo de Libre Comercio entre a Unión Europea e Tailandia. Tras lembrar que a cadea do atún sostén preto de 80.000 empregos en Europa e que Galicia concentra dous terzos da conserva nacional, esixiu que se atenda a demanda da nosa Comunidade de que o atún sexa recoñecido como produto sensible e que quede excluído de calquera liberalización arancelaria.
Ligado ao eido industrial, o PPdeG formulará unha pregunta de urxencia á Xunta sobre a nova Planificación da rede de transporte de electricidade con horizonte 2030. Pazos cualificou de “deficiente” o estado actual da rede estatal e advertiu de que o borrador de Madrid deixa sen atender zonas prioritarias e sen subministración ás industrias que queren desenvolver os seus proxectos en Galicia.
DESBLOQUEO SANITARIO EN LUGO E BALANCE DO PLADIGA
A última das preguntas versará sobre as previsións da Xunta para avanzar na licitación e execución do novo Centro de Saúde do Sagrado Corazón, en Lugo, un proxecto de máis de 4,8 M€. O portavoz popular denunciou os anos de parálise do anterior executivo local, e celebrou que o novo escenario de colaboración co Concello de Lugo, liderado pola alcaldesa Elena Candia, permitise rescatar este proxecto vital do caixón.
Finalmente, informouse da comparecencia no vindeiro Pleno, a petición propia, da conselleira do Medio Rural para presentar o balance e os resultados do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) deste ano 2026. O portavoz concluíu poñendo en valor o traballo rigoroso do servizo de extinción autonómico como un referente en anticipación e profesionalidade.