O deputado do Grupo Parlamentario Popular Moisés Rodríguez puxo hoxe en valor as medidas estratéxicas do Goberno galego destinadas a que “cada vez máis familias teñan opción a desfrutar dunha vivenda digna a prezos accesibles”. Así, contrapuxo o compromiso da Xunta, que se mide en “programación, feitos e en investimentos”, coas proclamas e a “propaganda electoralista” do Executivo de Pedro Sánchez.
O parlamentario popular recordou que, no 2027, a Xunta vai destinar case 520 M€ a políticas de vivenda –un 50% máis que en 2026- e que, no referido ao desenvolvemento de vivenda de promoción pública a cifra acada os 326 M€, “exactamente o dobre”.
“Galicia non improvisa a súa política de vivenda”, apuntou Moisés Rodríguez, tras facer referencia ao reto asumido polo Goberno galego de converter a vivenda como un dos piares fundamentais nesta lexislatura, facendo fincapé nas más de 4.600 VPP en marcha e no obxectivo de duplicar o parque público residencial e acadar as 8.000 vivendas en 2028, todas elas con cualificación permanente. “Construír máis significa tamén garantir solo”, indicou Moisés Rodríguez. Por iso, a Xunta puxo en marcha unha Estratexia Galega de Solo Residencial que permitirá desenvolver chan para aproximadamente 25.000 novas vivendas, das que 20.000 serán protexidas.
Xunto á construción e á mobilización do solo, o parlamentario popular detallou as modificacións normativas que o Goberno galego leva impulsando para dinamizar o mercado. Entre elas, destacan a conversión de locais comerciais en vivendas, a recuperación de edificios inacabados ou a cualificación indefinida das vivendas públicas e protexidas en solo público, asegurando o seu uso social permanente.
Asemade, destacou as novas medidas para que “máis familias dispoñan dunha vivenda pública protexida”, elevando a 4 veces o IPREM –4,5 para familias numerosas-; reservando o 30% das vivendas públicas en venda para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos pequenos; e reservando, tamén, o 20% das novas VPP para os inscritos no rexistro de demandas con máis de cinco anos de antigüidade.
Denunciou a improvisación do Goberno central na elaboración dos dous decretos lei e a súa ineficacia, tal e como se puxo de manifesto coa retirada de vivendas do mercado do alugueiro e o incremento da inseguridade xurídica para os propietarios: “O Estado debería construír vivenda, incentivar a protexida e mobilizar as baleiras”. Asemade, referiuse ás consecuencias declaración de zonas tensionadas, unha medida fracasada tal e como reflicten os datos: na Coruña, descendeu o 60% do número de contratos; e, en Santiago, no primeiro mes desde a posta en marcha da medida, un 55%.
Para rematar, sinalou que o PPdeG segue a ser o único valor seguro para garantir o dereito a unha vivenda digna.