O Parlamento de Galicia aprobou recentemente a iniciativa do Grupo Parlamentario Popular na que se insta á Xunta de Galicia a fomentar as intervencións arqueolóxicas subacuáticas na comunidade e a pór en marcha “un protocolo específico” que asegure a coordinación de todos os axentes que interveñen nestes complexos operativos.
“Non se pretende nin duplicar funcións nin substituír as competencias de ninguén, senón o contrario: ordenar e facilitar unha cooperación que, a día de hoxe, xa está dando resultados”, dixo o deputado popular José Luis Ferro, tras poñer en valor a enorme riqueza histórica que permanece baixo a auga. “Embarcacións afundidas, os seus cargamentos, pezas de artillería ou estruturas e outros restos que nos permiten reconstruír episodios do noso pasado”, detallou.
Neste senso, defendeu que o novo protocolo mellorará de forma significativa a eficiencia e a seguridade das prospeccións, xa que suporá “unha ferramenta útil para investigar e protexer mellor e para actuar con maiores garantías”.
UN MARCO DE COORDINACIÓN EFICAZ
“Non partimos de cero”, salientou Ferro, ao lembrar a transcendencia que acadaron as últimas intervencións lideradas pola Xunta de Galicia, sinalando de xeito directo o éxito dos traballos para documentar o pecio de Punta Restelos, en Fisterra. “A historia de Galicia tamén está escrita baixo o mar e merece todo o noso compromiso para que poida ser estudada, conservada e transmitida ás xeracións futuras”, sinalou para xustificar a necesidade desta nova ferramenta de xestión.
A iniciativa aprobada estipula que a folla de ruta priorizará sempre a conservación in situ dos bens arqueolóxicos descubertos, tal e como marca o marco normativo. Porén, o plan tamén regulará o depósito e custodia noutros emprazamentos cando sexa indispensable para garantir a súa preservación a longo prazo. O obxectivo final é propiciar un acceso responsable por parte do público con fins de observación e documentación, sen poñer en risco os vestixios.
Finalmente, o deputado do PPdeG insistiu en que a formalización deste protocolo específico situará a Galicia á vangarda nacional na xestión do patrimonio mergullado. Ferro concluíu sinalando que non se trata só de potenciar as escavacións, senón de aliñar a todos os profesionais, científicos e corpos de seguridade nun mesmo operativo coordinado para protexer a historia que aínda custodia o mar territorial galego: “O que se busca é definir mellor, mediante un protocolo específico, como participa cada organismo, que funcións lle corresponden e de que maneira se coordinan os operativos”.