O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe en Lalín a “política útil” do Partido Popular, con “xestión, seriedade, responsabilidade e compromiso”, fronte aos “escándalos constantes” do Goberno de Sánchez. Por iso, o líder dos populares galegos tildou a candidatura ao Congreso e Senado da provincia de Pontevedra -así como Coruña, Lugo e Ourense- como o “motor do cambio” para que Alberto Núñez Feijóo sexa o próximo presidente de España o 29N, unha “oportunidade importantísima par ao futuro do país”.
Así o manifestou durante o tradicional xantar e magosto do PP de Lalín, no que estivo acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, exercendo de anfitrión o alcalde de Lalín e candidato ao Senado pola provincia, José Crespo. Na cita, que contou con máis de 1.500 asistentes, tamén participaron o cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Julio García Comesaña, e a cabeza de lista ao Senado por Pontevedra, Nidia Arévalo, así como outros cargos do partido.
Rueda, que aplaudiu a capacidade de unión e traballo do Partido Popular de Lalín, fixo fincapé na importancia de trasladar o modelo galego a España, con gobernos “que se preocupan por resolver os problemas reais da cidadanía”. “Veño dun retiro do Goberno galego no que estivemos traballando por acadar oportunidades, mellorar os servizos públicos e seguir avanzando para ofrecer o mellor de nós aos galegos e galegas”, sinalou o presidente do PPdeG, contrapondo esta forma de “facer as cousas” ás do Goberno de Sánchez, o que “ten que acabarse xa”.
Neste sentido, pediu desde Lalín, “onde son as grandes vitorias”, seguir traballando porque Alberto Núñez Feijóo “acade un gran resultado en Galicia”, asegurando que co equipo que hai en Lalín, na provincia e en toda Galicia “Alberto Núñez Feijóo será o próximo presidente de España”. “Con esforzo e coa confianza que depositades en nós, seguiremos facendo política útil e reivindicando en España ás necesidades dos galegos e galegas”, concluíu.
LUIS LÓPEZ: “O PROXECTO POPULAR SEGUE A MEDRAR”
Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, puxo en valor a histórica capacidade de convocatoria do alcalde, José Crespo, ao reunir a máis de 1.500 persoas. López sinalou que este xantar duplica o milleiro de asistentes de 2018 e demostra que o proxecto popular segue a medrar para revalidar a Alcaldía nas eleccións de maio. «O mérito non é só reconquistar o goberno, senón quedarse, cumprir o prometido e repetir elección tras elección. Mentres Crespo reúne a “tantísima xente”, outros non enchen nin o salón das súas casas», afirmou. Luis López definiu o concello como «o quilómetro cero de Crespo» e destacou a súa paixón e insistencia para conseguir investimentos.
O presidente provincial tamén pediu unha participación masiva nas eleccións do 29 de novembro para lograr un cambio de rumbo en España. López asegurou que Alberto Núñez Feijóo é «o único candidato ao que non hai que explicarlle que é Lalín nin o que precisa», fronte a un Pedro Sánchez que «necesita un mapa e a axuda da Intelixencia Artificial» para situar o municipio.
«Isto vai de abrir unha etapa de tranquilidade, verdade e xestión fronte ao espectáculo e o enfrontamento”, sinalou o presidente provincial. “O 29N temos a oportunidade de ter a un amigo de Lalín e comendador do Cocido á fronte do Goberno de España», concluíu.
JOSÉ CRESPO: “O CAMBIO QUE NECESITA ESPAÑA POR FIN VAI CHEGAR”
Por último, o alcalde de Lalín e candidato ao Senado, José Crespo, destacou durante a celebración do magosto popular a fortaleza, a unidade e a capacidade de mobilización da familia do Partido Popular de Lalín, “unha das máis numerosas de Galicia”.
Crespo agradeceu a implicación de afiliados, simpatizantes e colaboradores, e insistiu na importancia de seguir traballando para trasladar á veciñanza as propostas do Partido Popular e a necesidade dun cambio político en España. “Hoxe estamos aquí para celebrar un magosto, pero de momento non hai nada máis que celebrar. Temos por diante días de moito traballo, nos que debemos seguir amosando que o cambio que necesita España por fin vai chegar”, subliñou.
Crespo puxo tamén en valor a estreita vinculación de Alberto Núñez Feijóo con Lalín, asegurando que “Feijóo coñece mellor que ninguén Lalín, sabe perfectamente o que necesita este concello e sempre demostrou o seu compromiso cos lalinenses”. Neste sentido, destacou a importancia de manter unha interlocución directa con quen coñece de primeira man as necesidades do noso concello e agradeceu a confianza depositada nel para continuar formando parte das listas ao Senado, unha decisión que considera “unha oportunidade para Lalín e para seguir defendendo os intereses dos seus veciños”, afirmou.