O PPdeG reivindicou o pulo decidido da Xunta de Galicia ao benestar social e ao tecido comunitario do concello de Verea, grazas a un investimento estratéxico destinado a mellorar os servizos públicos no rural, incrementar as prazas de atención e fixar poboación na contorna.
Durante unha visita ao Fogar Residencial de Maiores, os deputados do Grupo Parlamentario Popular Cristina Campero e José Luis Ferro, xunto á candidata do PP local, Ángeles Álvarez, e a alcaldesa da Bola e deputada provincial de Igualdade, María Teresa Barge, puideron coñecer a nova residencia municipal, que conta con 24 prazas en 12 habitacións dobres e espazos médicos e de rehabilitación de vangarda. Os populares enxalzaron o investimento autonómico de 730.000 €; unha achega que, tal e como sinalaron, demostra que o obxectivo prioritario do Goberno galego é optimizar os servizos públicos municipais e coidar da nosa xente no rural. A esta cantidade hai que sumarlle os 58.000 € que a Deputación provincial destinou á urbanización de toda a contorna.
A este respecto, explicaron que a nova residencia de Verea se enmarca no Plan de investimentos da Xunta de Galicia, acordado coa Fegamp e dotado con 18,5 M€ de fondos NextGenerationEU para desenvolver unha vintena de proxectos no rural. Esta estratexia destina á provincia de Ourense o 65% do orzamento total –12 millóns de euros- para crear novas prazas residenciais e de centro de día en Galicia, consolidando o compromiso prioritario do Goberno galego co envellecemento activo e a atención digna e profesional á terceira idade.
Para a deputada popular Cristina Campero, este investimento é unha proba do compromiso real do Goberno galego coa calidade de vida en Ourense, ofrecendo equipamentos públicos de primeiro nivel para que as persoas maiores poidan recibir atención preto da súa contorna con total dignidade. Porque, segundo dixo, dotar aos concellos de servizos sociais de calidade resulta fundamental tamén para fixar tecido social e garantir o desenvolvemento e o futuro da provincia.
Pola súa banda, o deputado José Luis Ferro remarcou que a verdadeira política social faise con feitos e investimentos directos nas infraestruturas de atención ás persoas, poñendo en valor que o proxecto da nova residencia dota a Verea dun motor asistencial indispensable para as familias do municipio.