A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, critica á esquerda que convocou hoxe unha folga xeral “insólita”, xa que se trata da primeira vez que se fai contra a oposición e non contra o Goberno. Para Prado, trátase dunha convocatoria “electoral e partidista que non pensan nos traballadores”, fronte a un Partido Popular “que si se esforza e pensa na veciñanza”. Neste sentido, identifica aos manifestantes como “defensores do Goberno que máis dano lle ten causado a Galicia” nestes oito anos de xestión de Sánchez e os seus socios do BNG. “O Grove, Galicia e España merecen un cambio o próximo 29N con Alberto Núñez Feijóo”, engade.
Así o manifestou durante un paseo polo Grove, acompañada polo cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Julio García Comesaña, e a portavoz do PP local, Carolina Otero. Durante a visita á vila, lamentou a “parálise e falta de xestión” por mor de “gobernos de perdedores” coma o do Grove, “esgotado como o Executivo sanchista”. Pola contra, puxo en valor o “gran equipo” do PP local, que fai “oposición valente e forte”, sen ceder aquí tampouco a “folgas electoralistas e intereses persoais”.
“Hoxe os sindicatos e os satélites dos partidos de esquerda tamén están apoiando esta convocatoria”, dixo, sinalando ao BNG como “cómplice dende hai oito anos do Goberno sanchista”. Ao mesmo tempo, a núemro dous dos populares galegos lembrou que apoiar ao BNG o próximo 29N sería o mesmo que apoiar ao PSOE.
Prado sinalou que “mentres tanto, no PP somos o partido dos traballadores, que hoxe non se mobilizan porque significaría apoiar ao Goberno corrupto”, que non construíu nin unha soa vivenda e que encareceu o custo da vida en España coma nunca antes, remarcando que o PP está ao carón dos “traballadores, e o dereito ao traballo é tan importante como o dereito á folga”, criticando que os piquetes impidan a moitos galegos e galegas ir a traballar.
Por último, defendeu que o único capaz de liderar a reconstrución nacional é o Partido Popular de Alberto Núñez Feijóo, cun programa “do cambio necesario”, que “refará o que desfixo o sanchismo e os seus socios”.