O PPdeG reforza a protección das vítimas de violencia dixital e amplía o alcance do dereito á restauración da reputación dixital a través dunha emenda ao artigo 23 da Lei de medidas integrais contra o acoso e a violencia dixital de Galicia, pioneira en Europa e que se está a tramitar no Parlamento. O obxectivo é que “a vítima conte desde o primeiro momento con asesoramento, acompañamento, capacidade de reacción rápida e protección das probas”, explicou Raquel Arias.
A portavoz de Política Social do Grupo Parlamentario Popular puxo en valor esta emenda, que ofrece “ás vítimas unha protección máis rápida, máis ampla e máis efectiva, pero ao mesmo tempo plenamente respectuosa coas garantías xurídicas e coas competencias dos órganos xudiciais”, no seo da Comisión 5ª, onde quedou aprobado, sen votos en contra, o texto do articulado recollido no informe da ponencia sobre o Proxecto de lei. Así mesmo, aprobáronse por unanimidade as transaccións de emendas recollidas no devandito informe.
Co novo texto, o servizo adquire un carácter máis amplo e integral, incorporando asesoramento, acompañamento, asistencia técnica e intermediación ante plataformas dixitais, buscadores ou provedores de servizos. Tamén se amplía o abano de actuacións: ademais da eliminación de contidos, se engaden a retirada, o bloqueo, a desindexación ou a limitación da súa difusión.
Unha das principais novidades que introduce a emenda é que se incorpora unha vía excepcional para os casos de urxente necesidade e risco grave para a integridade física, psicolóxica, moral ou sexual da vítima. Nestas situacións, o servizo poderá ofrecer asistencia inmediata para solicitar ás plataformas as medidas previstas na normativa.
Cómpre subliñar que non se atribúe á Administración autonómica a capacidade de ordenar unilateralmente a retirada dun contido. As actuacións realizaranse sempre respectando as competencias dos órganos xudiciais e do Ministerio Fiscal. O servizo poderá activarse tamén cando exista unha medida cautelar xudicial, sen ter que esperar necesariamente a unha resolución definitiva. Así, “mellórase a capacidade de resposta ante situacións nas que o dano se está producindo en tempo real”, indicou Raquel Arias.
En paralelo, refórzanse as garantías xurídicas. Antes de promover a retirada ou eliminación dun contido, informarase á vítima da conveniencia de preservar as evidencias dixitais que poidan ser necesarias nun procedemento xudicial ou administrativo. “Trátase de deter o dano sen destruír a proba”, destacou a portavoz de Política Social do Grupo Popular.
Por último, mantendo á gratuidade do servizo, a nova redacción do artigo 23 emprega unha fórmula xuridicamente máis precisa para establecer que a Administración poderá exercer as accións de repetición ou resarcimento que procedan fronte ás persoas condenadas polos feitos que provocaron a prestación do servizo.
“MANS ABERTAS PARA SEGUIR DIALOGANDO”
Durante a súa intervención, Arias agradeceu o “ton construtivo” co que se desenvolveron as reunións da ponencia –ademais da emenda do Grupo Popular, a oposición presentou 72, das que se aceptaron directamente 17, ás que se engaden seis transaccións-, e apelou aos grupos da oposición para que a Lei de medidas integrais contra o acoso e a violencia dixital de Galicia sexa aprobada por “unanimidade”, como ten sucedido coa “inmensa maioría das leis que teñen que ver coa promoción da igualdade ou a loita contra a violencia de xénero”.
Sen esquecer que son as mulleres, aproximadamente nun 70%, as que sofren a violencia dixital, e as emendas aceptadas inciden en recoller esta realidade –que xa constaba no texto inicial-, remarcou que esta “non é unha lei de violencia de xénero”, senón que “afronta a violencia dixital sufrida por calquera galego”.
Arias concluíu insistindo en que o Grupo Popular ten “as mans abertas” para “seguir dialogando e traballando” a prol de acadar o “maior consenso posible, e a ser posible a unanimidade”, en torno a esta lei, por ser o que merecen aqueles que “sufriron no pasado, sofren e sufrirán no futuro” a violencia dixital.