José Manuel Barreiro
Hai eleccións que serven para elixir un Goberno e outras que, ademais, permiten decidir o rumbo dun país. O próximo 29-N está en xogo moito máis ca o reparto de escanos.
Xogámonos qué España queremos: unha España que mire ao futuro con confianza, que xere oportunidades, que respecte as súas institucións e que garanta a igualdade; ou un país instalado na incerteza, na confrontación política e na falta de respostas aos problemas.
Tamén nos xogamos a fortaleza das nosas institucións, a independencia dos organismos públicos, a transparencia e a confianza na democracia. A estabilidade dun país non pode depender da incerteza permanente nin de equilibrios políticos que releguen o interese xeral.
E desde Lugo xogámonos moito. A nosa provincia non pode resignarse a seguir agardando polas infraestruturas, a perder oportunidades polas súas deficientes comunicacións ou a contemplar como o talento da nosa mocidade ten que marchar para atopar un futuro. Lugo non pide privilexios: exixe igualdade de oportunidades.
España necesita un proxecto, prioridades claras e un Goberno que se ocupe dos problemas da xente. Necesita recuperar a política como instrumento de servizo público.O próximo día 29 temos a oportunidade de abrir unha nova etapa, de recuperar a confianza, a estabilidade e a ambición de país.
Mentres a política se consume en polémicas, os cidadáns teñen outras preocupacións: chegar a fin de mes, acceder a unha vivenda, atopar un emprego, manter uns servizos públicos de calidade e ofrecerlles aos seus fillos un futuro mellor. Son esas preocupacións, e non as disputas partidistas, as que deberían ocupar o centro da acción política. E iso non sucede co Goberno de Pedro Sánchez. Como ben dixo Alberto Núñez Feijóo, o sanchismo é corrupción, machismo, incompetencia e soberbia. E o PP ofrece rigor, xestión contrastada e un goberno honrado.
O Partido Popular representa unha alternativa capaz de converter a vontade de cambio nunha nova etapa de oportunidades, confianza e futuro. Non podemos resignarnos nin conformarnos. O futuro non se agarda: constrúese. E co noso voto temos a oportunidade de empezar a construílo.España ten futuro. Lugo ten futuro. E está nas nosas mans traballar para que ese futuro sexa mellor para todos.