O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, pediu “non frear” unha vez acadado o ecuador da segunda semana da campaña do 29N, e reforzar a mensaxe de que o “único voto útil” nas urnas para rematar con oito anos de sanchismo será o do Partido Popular. “Votar a Feijóo é votar polo futuro. É votar por España, por Galicia e por Vigo”, asegurou. Do outro lado, dixo, temos a un Sánchez disposto a “vender España” para manterse no poder, como vimos tras as declaracións de Puigdemont.
Rueda pechou o mitin celebrado polos populares na tarde deste xoves en Vigo, no que tamén participou o vicesecretario de Facenda, Vivenda e Infraestruturas do PP, Juan Bravo, e o cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Julio García Comesaña, e no que exerceu de anfitrioa a presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez. Tamén asistiron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López.
Na súa intervención, o líder do PPdeG mostrouse convencido de que Alberto Núñez Feijóo mostrará a súa valía o 29 de novembro. Neste sentido, afirmou que se está vendo nesta campaña os dous modelos que concorren ás urnas: o da moderación, xestión e sentido de Estado de Feijóo fronte ao das mentiras e a desvergoña que representa Sánchez.
Ao fío da actualidade, lamentou tamén que os escándalos non cesen nin en plena campaña, despois das declaracións do expresidente da Generalitat de Cataluña, Carles Puigdemont, que fuxiu de España para non responder ante a Xustiza polo referendo ilegal do 2017, que demostran que Sánchez é un presidente disposto a “vender España” con tal de manterse no poder.
No caso concreto de Vigo, Rueda lembrou que Sánchez nin cumpriu a súa promesa de liberar as peaxes da AP-9, nin traballou pola chegada da Alta Velocidade nin contribuíu a solucionar o problema da vivenda. E contrastouno co feito polo Goberno galego, con 1.600 vivendas públicas que se están construíndo en Navia, coa recuperación do teatro Fraga ou co futuro IES Domingo Villar. Unha comparativa que se pode resumir, dixo, en “xestión” -a do PP- fronte a “ineficacia” -a do sanchismo-.
Por último, animou ás galegas e os galegos que estean fartos e queiran cambiar as cousas para mellorar a súa vida a escoller a papeleta do Partido Popular, e demostrar, así, que en Galicia “apostamos” por un país que funciona e onde non ten cabida a corrupción.
GARCÍA COMESAÑA: “FORON OITO ANOS PERDIDOS PARA VIGO”
Pola súa banda, o cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Julio García Comesaña, lamentou estes «oito anos perdidos para Vigo», xa que concretou que ata unha quincena de proxectos do Goberno de España «se atopan totalmente paralizados pola política de absoluto de abandono» coa cidade, que exemplifica á perfección «o abandono, castigo, maltrato e discriminación» do Executivo de Pedro Sánchez coa provincia.
Así, especificou que Peinador está case sen voos; o AVE directo por Cerdedo desapareceu do mapa da alta velocidade; a Saída Sur a Portugal está adiada unha década; o estado da A-52 e das estradas nacionais é moi perigoso; o porto de Vigo adoece de falta de apoio; séguese sen Biblioteca do Estado, reforma do Instituto Oceanográfico e vivenda pública estatal; existen graves incidencias diarias no servizo de trens; carécese dun proxecto viable para conectar a A-52 coa cidade evitando a A-55; e a autoestrada AP-9 continua sen transferirse e liberalizarse coas condicións do acordo unánime do Parlamento galego.
Por iso, reclamou que Vigo apoie maioritariamente a Alberto Núñez Feijóo «para que a cidade comece a ser atendida como se merece e se abandone a situación de incomunicación e illamento á que a someteu o Executivo socialista».